O novo presidente de Agromuralla alerta da «difícil situación» pola que atravesan as ganderías de leite galegas

José Luis Pérez Barreiro alerta da «difícil situación» pola que atravesan neste momento as ganderías de leite pola suba dos custos de produción das granxas e esixe ás Administracións medidas para garantir un prezo digno aos produtores

A asociación de gandeiros e gandeiras Agromuralla, que reúne a centos de gandeiros das provincias de Lugo e A Coruña, vén de renovar os seus órganos directivos logo de seis anos de actividade en defensa do sector lácteo galego.

Nunha asemblea celebrada o pasado 19 de agosto resultou elexido novo presidente José Luis Pérez Barreiro, da gandería Caseiro SAT, de Fontela, na parroquia de San Cosme de Piñeiro (A Pastoriza), en substitución de Roberto López, de Lugo, logo de finalizar este o seu mandato, tal como establecen os estatutos da asociación.

Entran tamén na nova directiva Antonio Sufuentes, de Guntín, como tesoureiro e dous novos vocais: Carlos Dablanca, de SAT San Miguel, de Palas de Rei, e Odón Castro, de SAT O Palomar, de Láncara. Mantéñense da anterior directiva José Antonio García Sante, de Barreiros, como vicepresidente; José Manuel Souto, do Corgo, como secretario; e José Manuel Díaz, de Láncara, como vocal.

Momento «difícil» para as ganderías

José Luis Pérez Barreiro asume o cargo de novo presidente agradecendo á directiva saínte o seu traballo nestes seis anos e aos socios e socias a confianza depositada para este novo mandato, que encara «con preocupación pola difícil situación que están a atravesar as granxas debido á suba desmesurada dos custos de produción e á conxelación do prezo do leite».

Neste contexto, o novo presidente de Agromuralla alerta de que nos últimos meses se está a producir un encarecemento en insumos básicos como o penso para a alimentación do gando, o gasóleo ou o recibo da luz que está a reducir a escasa marxe coa que traballan as explotacións e esixe ás Administracións «que adopten as medidas necesarias para garantir a viabilidade e continuidade dun sector estratéxico para o conxunto de Galicia».

Que a suba do leite nos supermercados se traslade ás granxas

Por iso, José Luis Pérez Barreiro demanda a «implicación directa» tanto da Xunta de Galicia como do Ministerio de Agricultura para garantir «un prezo digno aos produtores» que «incentive o relevo xeracional e evite que se se sigan producindo peches de explotacións».

Para salvar a actual situación, o novo presidente de Agromuralla esixe que a suba do prezo do leite nos liñais dos supermercados, que veñen de anunciar cadeas como Mercadona ou Carrefour, «se traslade de xeito inmediato ás ganderías». «Non pode ser que se encareza o prezo do leite aos consumidores co pretexto de pagar mellor aos produtores e que despois ese incremento quede polo camiño e o repartan entre as industrias e as cadeas de distribución sen que chegue ás granxas», di, polo que reclama «unha actualización inmediata do prezo fixado nos contratos de recollida do leite».

Finalmente, tamén considera necesario «que se corrixa o diferencial negativo no prezo do leite de dous céntimos en litro que se vén arrastrando en Galicia a respecto da media que cobran os produtores do resto do Estado» porque, di, «non ten ningún sentido que na comunidade autónoma onde se produce o 40% do leite de todo o Estado e cunha calidade superior ao resto se estean a cobrar os prezos máis baixos de toda España e da Unión Europea», denuncia.

Seis anos en defensa dos gandeiros e gandeiras

A asociación Agromuralla está formada exclusivamente por gandeiros e gandeiras e xurdiu fai agora seis anos a raíz das tractoradas arredor da Muralla de Lugo levadas a cabo a finais de 2015 en protesta polos baixos prezos do leite. Desde entón mantivo unha traxectoria de total independencia en defensa dos intereses dos produtores e do sector lácteo galego con Roberto López como primeiro presidente.

Pero os propios estatutos da asociación fixan unha renovación parcial de cargos da xunta directiva con carácter periódico, así como unha representatividade homoxénea das distintas comarcas produtoras de Galicia onde Agromuralla ten socios. Esta renovación da xunta directiva tocaba facela o ano pasado, ao cumprírense 4 anos de mandato da primeira xunta directiva, constituída no ano 2016, pero a asemblea foi adiada nese momento por mor da pandemia sanitaria provocada polo coronavirus.

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.