O último libro de Xosé Luna, Camiñando, Camiñando, “é un convite a sentirnos peregrinos perseguindo sempre a estrela fugaz da felicidade”

O autor presentou o poemario, editado por Bolanda, xunto á ilustradora Olaya Naveira, ao crítico literario Armando Requeixo, e ao conselleiro de Cultura, Educación e Universidade Román Rodríguez

O escritor estradense Xosé Luna Sanmartín presentou este mércores en Compostela o seu último libro, Camiñando, Camiñando… (Editorial Bolanda, 2021). No acto, celebrado no Hotel Monumento San Francisco, o autor estivo acompañado do conselleiro de Cultura, Educación e Universidade, Román Rodríguez; da ilustradora do poemario, Olaya Naveira, e do crítico literario Armando Requeixo quen asegurou que “os versos de Xosé Luna téndennos a man para percorrermos na súa compaña a estrada da vida”.

Malia as referencias evidentes ao Camiño de Santiago e ao camiño da vida, a obra é tamén un canto á terra natal do autor, A Estrada, ‘protagonista’ paralela do poemario Camiñando, camiñando… que leva como subtítulo “a estrada da vida imos andando”, en clara referencia ao fondo da obra, que Requeixo describe como “un convite a nos deixar agarimar polo amor á sombra das cerdeiras en flor, a abrazar as lembranzas dos berces ancestros e sentirnos peregrinos por terra, mar e ar perseguindo sempre a estrela fugaz da felicidade”.

Xosé Luna asegurou que sentirse privilexiado por presentar este libro en Compostela “a cidade onde regresamos,sempre, como canta Manoele de Felisa”. Agradeceu a implicación de Armando Requeixo e de Valetín García, secretario xeral de Política Lingüística –presente tamén no acto– así como o traballo “exquisito” da Editorial Bolanda por ir “á procura da emoción, do lado artesán dos libros, ideando, coidando, agarimando a súa tipografía, elixindo os papeis o seu arrecendo, o seu tacto…”.

Tamén tivo gabanzas para a ilustradora da obra, Olaya Naveira. “O traballo de Olaya é sublime; reconstrúe e sostén un equilibrio entre os versos e as ilustracións, de tal xeito que ambas, palabra poética-debuxos conforman un mesmo uni(verso) de emocións, un todo imprescindible como os nenúfares de Monet… De tal xeito que eu xa non entendería os meus versos sen os debuxos de Olaya”, asegurou Luna Sanmartín.

A ilustradora tamén falou da boa conexión co autor: “Unha vez que chegou a min o texto, despois de traballalo en solitario, tiven unha conversa con Xosé, na que me contou moitos detalles do porqué de cada verso, dándome á vez, total liberdade para usar ou non esa información á hora de traballar. Esas referencias servíronme para introducir certos acenos entre autor e ilustración e que texto e imaxe foran un todo, que el tamén se sentira parte desta segunda parte do proceso”, explicou.

Olaya Naveira buscou unha ilustración “sinxela nas formas e limitada nas cores” que chamara a atención tanto do público infantil como adulto. Así mesmo, a ilustradora explicou que “ao pasar as páxinas sen ler, poderemos ver que están enlazadas entre si: onde remata o camiño dunha, comeza o da seguinte… e a cor vai evolucionando lentamente, igual que cambia o camiño co paso dos quilómetros ou a vida co paso do tempo”.

Ilustradora e autor estiveron arroupados nesta presentación por Rosalía Morlán, Charo Golmar e Manoele de Felisa, encargados dun recital músico poético, así como do conselleiro de Cultura, Educación e Universidade, Román Rodríguez, que quixo arroupar o autor neste novo parto literario de enorme “fermosura”. O conselleiro asegurou que “hai un celme común que nos une, que é a nosa cultura un elemento que cohesiona, dá forza, permite camiñar polas dificultades da vida e facernos mellores”, algo que logran libros coma este. Tamén agradeceu ao profesorado (había moitos presentes no acto) o esforzo feito o pasado curso: “Destes unha lección de coraxe, traballo e prudencia e foi un curso bastante normal dentro da excepcionalidade”. Agora empeza unha nova responsabilidade, cun novo curso no que lles pediu “que sigan facendo o mesmo que fixeron, traballar polas nosas nenas e nenos porque non hai labor máis satisfactorio que ese”.

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.