Os socialistas demandan no Parlamento que se permita ao alumnado de Baamonde escolarizado en Parga utilizar o transporte escolar xa existente

Denunciaron “a situación inaceptable de abandono e presións que están sufrindo as familias que matricularon aos seus fillos en Parga, tralo peche do colexio do CEIP Baamonde e que non poden utilizar o autobús escolar”

Os socialistas rexistraron unha batería de iniciativas parlamentarias para demandar ao Goberno de Feijóo permitir que o alumnado de Baamonde que se escolarizou no CEIP Santo Estevo de Parga en Guitiriz, faga uso do transporte escolar xa existente e que no seu percorrido pasa por Baamonde.

Así o anunciou hoxe a Secretaria Provincial do PSdeG e Deputada Autonómica, Patricia Otero e o Voceiro de Educación e Deputado Autonómico, Luís Álvarez  en Baamonde onde mantiveron unha xuntanza coas familias afectadas por esta problemática, e onde avanzaron as propostas que o Grupo Parlamentario Socialista defenderá no Parlamento de Galicia en defensa dos seus intereses.

Patricia Otero criticou “a situación inaceptable de abandono e presións que están sufrindo as familias que matricularon aos seus fillos en Parga, tralo peche do colexio do CEIP Baamonde e que non poden utilizar o autobús escolar”.

Luís Álvarez explicou que “o CEIP de Baamonde foi pechado e o seu alumnado trasladado ao  CEIP Virxe do Corpiño, ofertando como é obrigado o servizo de transporte e  comedor escolar. Pero hai un colectivo de nais e pais de alumnos que optaron por  matricular aos seus fillos no CEIP Santo Estevo de Parga no concello de Guitiriz, situado a 9 quilómetros de Baamonde, distancia practicamente idéntica á  existente a Begonte”.

Tal e como sinala a propia normativa “sabemos que o alumnado que se escolariza en centros que non lle corresponden, segundo a distribución das áreas de influencia, non ten dereito a ningún dos servizos complementarios establecidos pola consellaría de Educación”. E puntualiza “que por Baamonde circula unha liña de transporte escolar para o alumnado da parroquia de Pígara, que pertence ao concello de Guitiriz, ao CEIP Santo Estevo de Parga. O alumnado desta parroquia viña asistindo, dada a súa proximidade ao CEIP de Baamonde. pero a Xunta de Galicia, na súa magnanimidade, garántelles este curso o transporte a calquera dos centros de Guitiriz ou Begonte”.

Por iso advirte “que unha mínima parte desa magnanimidade sería suficiente para permitir que o alumnado de Baamonde matriculado en Parga puidese facer uso dese transporte, dado que non se trata de ofertar un novo servizo nin supón ningún incremento de custo, senón de utilizar o mesmo autobús escolar”, remarca Luís Álvarez.

Cal é a xustificación da Xunta?

Tanto a Alcaldesa de Guitiriz, Marisol Morandeira como a voceira socialista de Begonte, Susana Ferreiro mantiveron conversacións cos pais e nais afectados, onde lles comunicaron que solicitaron ata en 10 ocasións unha reunión co Conselleiro de Educación, antes de pechar o colexio de Baamonde, pero non foron atendidos. E agora queren coñecer “cal é a xustificación que ten a Consellería de Cultura, Educación e Universidade para non permitir que o alumnado de Baamonde que se escolariza no CEIP Santo Estevo de Parga faga uso do transporte escolar xa existente e que no seu percorrido pasa por Baamonde?”.

“Non podemos consentir nin permitir que as familias do rural lucense non poidan ter transporte escolar para levar ás nenas e nenos ao colexio. O PP é capaz de pechar un colexio, pero nós non imos permitir que se discrimine a nosa veciñanza co transporte escolar, merecen unha solución e unha explicación”, advertiron as responsables socialistas.

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada.

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.