Os socialistas urxen á Xunta a desenvolver un plan de recuperación específico para a pesca artesanal e o marisqueo

Patricia Otero lamentou a inacción do goberno galego cando houbo unha caída “drástica” do nivel de facturación no sector no ano 2020 a consecuencia da pandemia

A voceira de Pesca do Grupo Socialista, Patricia Otero, vén de urxir á Xunta a desenvolver un plan de recuperación específico para pesca artesanal e o marisqueo. Fíxoo, hoxe, na Comisión de Pesca do Parlamento, través da presentación dunha pregunta ao goberno galego.

Neste contexto, a responsable socialista lamentou a inacción do goberno galego cando houbo unha caída “drástica” do nivel de facturación do sector no ano 2020 pola pandemia e mesmo, na Comisión de Reconstrución, “todos os grupos políticos estabamos de acordo en que era necesario este plan, pero logo a Xunta non lle dá importancia” mesmo cando o sector sufriu “fortemente” as consecuencias da covid, “especialmente as derivadas dos distintos peches e limitacións que viviu a hostalaría”.

Ademais, Otero lembrou que o Partido Popular “levou este asunto no programa electoral co que concorreu ás eleccións do ano pasado; pero, malia isto, aínda non sabemos nada”.

Doutra banda, a voceira socialista lamentou a continua perda de buques censados en Galicia que provoca tamén unha “perda de postos de traballo”. Así, dende que o Grupo Socialista presentou esta iniciativa no rexistro do Parlamento en xaneiro de 2021 ata este mes de setembro, perdéronse 38 buques pesqueiros, 37 buques de artes menores e 2 barcos de cerco.

Por todo isto, Otero pediu á Xunta que “tome medidas” para paliar a “baixada na facturación” do sector e expuxo as propostas da Federación Galega de Confrarías de Pescadores que pediron medidas de apoio económico e financeiro; campañas de fomento do consumo local; campañas de difusión dos beneficios do consumo de peixe e marisco; medidas de apoio directo ás confrarías e federación; así como un plan de recuperación específico para a pesca artesanal e o marisqueo.

Por último, a voceira socialista lembrou a importancia dun sector que “aporta peixe e marisco de gran calidade” e lembrou que, durante a situación máis crítica da pandemia, o sector da pesca “foi declarado como esencial”, co que “continuou traballando para que non faltase un alimento vital na nosa dieta”.

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *