Patricia Teijeiro. «O 18º Congreso provincial do PP de Lugo celebrarase en Outeiro de Rei»

O PP lucense está a ultimar os detalles do desenvolvemento  do seu 18º Congreso provincial que terá lugar o domingo 19 de setembro na localidade de Outeiro de Rei en horario de mañá.

Tal e como anuncia a presidenta do Comité Organizador, Patricia Teijeiro, “despois de barallar distintas opcións, os membros do Comité consideramos que o pavillón municipal de Outeiro de Rei e os espazos semiabertos situados nas súas inmediacións conforman a localización idónea para celebrar un acto deste tipo ao tratarse dun espazo amplo que favorece o cumprimento da normativa sanitaria”, explica Teijeiro. Así mesmo, explica que “as instalacións presentan as características propicias e contan cos servizos necesarios para a celebración do 18º Congreso”. Ademais, “Outeiro de Rei é un lugar céntrico dentro da nosa provincia, situado preto da capital”.

O cónclave dos populares lucenses para o que a actual presidenta, Elena Candia, foi proclamada única candidata desenvolverase entre as nove da mañá e a unha do mediodía, aproximadamente, aplicando medidas de seguridade en materia covid. Nese sentido, a organización dará prioridade ao uso dos espazos semiabertos da zona como é o patio de acceso ao pavillón municipal onde se fará entrega das acreditacións aos compromisarios de forma escalonada. De feito, recomendarase a acreditación dos participantes por grupos de municipios e en períodos amplos de tempo para evitar, na medida do posible, a concentración de persoas nun único punto.

Tamén se recomendará aproveitar a entrada ao recinto, unha vez acreditados, para votar na urna habilitada a tal fin. Desta forma, preténdese reducir o máximo posible o  fluxo de persoas que deberán permanecer durante o desenvolvemento do 18º Congreso nos seus asentos previamente asignados de forma que se coñeza o lugar que ocupará cada persoa.

Compromisarios

Unha vez finalizado o prazo, que remataba este mércores, para que os afiliados inscritos como electores se postularan como compromisarios; o Comité Organizador explica que “non será necesario convocar as asembleas locais”; xa que se cubriu o número de compromisarios acordado o 20 de xullo na reunión da Xunta Directiva coincidindo coa convocatoria do Congreso.

Son 600 os compromisarios electos aos que hai que sumar outros 18 de NN.XX. e os compromisarios natos -todos os membros da Xunta Directiva Provincial do Partido Popular de Lugo, 141, e os membros da Comisión Organizadora do Congreso que non pertencen á Xunta Directiva Provincial, 6-. Son en total, 765 electores que poderán votar directamente na urna o vindeiro domingo 19 de setembro en representación de tódolos afiliados do PP lucenses.

Reunións de campaña

A presidenta e candidata a revalidar o cargo, Elena Candia, dará inicio este venres ás reunións que manterá cos compromisarios previas ao 18º Congreso para trasladarlles de primeira man os puntos principais do comunicado-relatorio e do proxecto de provincia a construír entre todos.

A reunión cos compromisarios da zona centro da provincia correspondentes aos partidos xudiciais de Vilalba, Lugo, Sarria, A Fonsagrada e Becerreá terá lugar o venres a partir das oito da tarde na Fortaleza de Torre de Núñez.

O encontro de Elena Candia cos compromisarios da zona sur da provincia, dos partidos xudiciais de Monforte e Chantada, está previsto para o sábado en Chantada; mentres que a xuntanza cos compromisarios da Mariña, dos partidos xudiciais de Mondoñedo e Viveiro, terá lugar o vindeiro luns en Ribadeo.

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.