Rescatados dous ocupantes dun vehículo que caeu por un terraplén en As Neves

Dúas persoas necesitaron a axuda dos servizos de emerxencia para saír do vehículo no que circulaban e co cal sufriron unha saída de vía por un terraplén, no concello das Neves
Foi un particular quen contactou co 112 Galicia para informar do accidente, ás oito e media da tarde de onte, e solicitar axuda xa que, segundo indicaba, un turismo acababa de precipitarse por un desnivel duns tres metros e había persoas dentro que non podían saír. O sinistro tivo lugar no lugar de Rubiós, na estrada que une dita parroquia co lugar de A Mó.
De inmediato, os operadores do CIAE-112 Galicia puxeron en marcha un operativo que contou coa colaboración dos Bombeiros do Porriño e de Ponteareas, dos servizos médicos e da Garda Civil de Tráfico.
Deste xeito, a dotación do Bombeiros do Porriño, desde o punto, confirmou que axudaron a saír do vehículo a dúas persoas dada a dificultade da situación do turismo, que quedara envorcado, para que puideran ser atendidas polo persoal sanitario.
Foto portada: Estrada de Rubiós