Stop Eólicos convoca en Bande a I Marcha en Defensa do Monte Grande

A plataforma Stop Eólicos Xurés-Celanova anunciou este mércores a convocatoria da I Marcha en Defensa do Monte Grande, que partirá da Praza de Bande ás 10 da mañá do sábado 23 de outubro en protesta contra a instalación dunha central eólica na Fonte Santa

Como resposta a actuación de Greenalia, empresa promotora do proxecto industrial, que nas pasadas semanas xa se entrevistou coa alcaldesa de Bande, Sandra Quintas (PP), e cos comuneiros, cos que entrou nunha negociación para o alugueiro dos terreos durante 30 anos, a plataforma convocou unha andaina que recorrerá os espazos naturais e patrimoniais que se verían máis afectados de levarse adiante o proxecto.

O proxecto de central eólica no Monte Grande, denominado P.E. Fonte Santa, é un complexo de 12 aeroxeradores situado a tres quilómetros do casco urbano de Bande, e que completaría unha liña de 38 aeroxeradores entre Celanova e Bande coa sucesión dos polígonos do Vieiro, xa en funcionamento, e do Monte da Neve, en fase de tramitación. No caso da instalación da Fonte Santa, a paisaxe do Xurés veríase severamente afectada. O Parque Natural está situado apenas a dez quilómetros ao sur da central e a sete quilómetros ao oeste.

Stop Eólicos Xurés-Celanova denuncia que veciñanza de Bande NON tivo información ningunha dos plans de Greenalia para o Monte Grande nin posibilidade de intervir nun proceso, tal e como establecen as Directrices da Paisaxe de Galiza. A plataforma xa anunciou que solicitará unha entrevista coa alcaldesa de Bande.

Stop Eólicos Xurés-Celanova advirte que Greenalia pretende reducir o asunto a unha negociación entre empresa e comuneiros. Mais o proxecto afecta ao conxunto da veciñanza: as máquinas estarían a menos de 2 quilómetros das aldeas de Martiñán, Vilar e Carpazás; e o proxecto tería uns impactos directos sobre o Foxo do Lobo das Cobateiras e os conxuntos de mámoas e petróglifos no actual Parque arqueolóxico do Monte Grande, un recurso patrimonial e turístico que quedaría invalidado. E afectaría os hábitats singulares da turbeira da Lagoa Grande e da Carballeira da Fonte Santa e outros bidueirais de rexeneración natural, considerados prioritarios na normativa medioambiental.

Stop Eólicos Xurés-Celanova denuncia que a central eólica non vén cubrir as necesidades enerxéticas de Bande nin da comarca, senón que se expón como un negocio privado de Greenalia a costa dos nosos montes. E tampouco contribuirá a crear emprego nin asentaría poboación, como vende a propaganda da empresa, senón que expulsaría máis xente deste concello, como ensinan experiencias anteriores noutros concellos.

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.