Un Calvo Xiria de dúas caras superou a un gran BM Culleredo

Os carballeses non estiveron ao nivel durante os primeiros trinta minutos ante un Culleredo que amosou a súa mellor cara e que lle deu moitos quebradeiros de cabeza a un Calvo Xiria que trocou a súa imaxe e na segunda metade mostrou a súa verdadeira cara para lograr unha ampla vitoria

Primeiros intres de encontro nos que o Calvo Xiria non estivo todo o intenso que debería, sobre todo na circulación de balón e nos diferentes lanzamentos dos que dispuxo, e iso sumado a gran actuación do gardameta visitante fixo que os culleredenses fosen por diante no marcador durante este treito inicial, aínda que sempre cunha vantaxe de un gol máximo.

Pasaban os minutos e un Culleredo que amosou un gran nivel dende o pitido inicial, seguía dando mostras de estar moi cómodo sobre a pista, algo que obrigou aos carballeses a solicitar un tempo morto, o cal non fixo demasiado efecto posto que os visitantes aumentarían a súa vantaxe a diferenzas de tres e catro goles.

Coa entrada de Gabriel Castiñeiras á pista, o Calvo Xiria mudou a súa cara en facetas ofensivas mentres que no labor defensivo non acababa de coller a dinámica do todo axeitada pero aínda así, o bo facer de Gabriel sumado ao gran nivel amosado por Álex Gómez fixeron que o partido se igualase e que se chegase ao descanso co 14-13 no luminoso.

O cambio de cara do Calvo Xiria tralo paso por vestiarios foi notable en todas as facetas do xogo e iso fixo que a vantaxe se fose aos catro goles, algo que fixo que o BM Culleredo solicitase un tempo morto para tratar de cortar a dinámica que estaba a coller o encontro.

A defensa dos carballeses, coa axuda de Rökkvi, estaba a mostrarse moito máis infranqueable e o ataque cunha maior fluidez o que fixo que as diferenzas no marcador fosen aumentando ata os sete goles, momento no que o técnico visitante solicitase un novo tempo morto.

Pero como viña mostrando tralo tempo de lecer, o Calvo Xiria non sacaría o pé do acelerador e lograría unha máxima de +10.

No treito final, as intervencións do gardameta visitante e un maior acerto en ataque permitiríalle ao Culleredo que os carballeses non se fosen en exceso e que o encontro finalizase co definitivo 34-25.

Ficha Técnica:

Calvo Xiria 34 – 25 BM Culleredo

Calvo Xiria (14+20): Antonio Mato (p), Rökkvi Pacheco (p), Carlos Guisasola, Edu Cousillas, Manu Méndez, Diego Antelo, Mario Cancela, Jorge Bouzas, Carlos Varela, Fran Rey, Álex Gómez, Diego Vega, Gabriel Castiñeiras, David Gª Pichel e Aaron Rodríguez

Marcador cada 5 minutos: 1-2, 3-4, 4-7, 7-10, 11-12, 14-13 (descanso), 18-15, 22-18, 26- 18, 30-20, 32-23, 34-25.

Incidencias: Partido amigable disputado no Pavillón Municipal Vila de Noia ante uns 75 afeccionados.

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.