Unha campaña informativa denunciará o perigo viario existente no alto de Arillo

O Concello de Oleiros está a preparar unha campaña informativa para denunciar os perigos viarios existentes no alto de Arillo, na estrada autonómica que conecta Santa Cruz e Mera. Malia a existencia dun convenio para mellorar esta zona con beirarrúas, a Xunta de Galicia está a incumprir o acordo
O Concello de Oleiros e a Consellería de Infraestruturas asinaron no 2019 un convenio para a realización da última fase do carril bici e das beirarrúas na estrada Santa Cruz-Mera. O espazo que se ía ampliar e ordenar, que inclúe tamén a creación dunha rotonda, parte desde onde rematan as beirarrúas no Pazo de Arillo ata a confluencia co camiño que vai ao cemiterio de Maianca –rúa Lourido-.
O Concello redactou o proxecto para a realización desta obra e conseguiu o solo necesario, preto de 1.652,65 metros cadrados que cederon os propietarios lindantes. O convenio estipula que a Consellería financia o 90% do custo das obras e o Concello o 10%.
“Levamos tres anos ninguneados por parte da Xunta, que non está a cumprir o convenio, co grande perigo que hai alí para coches e peóns. Por iso, nos próximos días, imos iniciar unha campaña para denunciar esta situación, que por certo vai ser moi simpática”, comentou o alcalde Ángel García Seoane.