Unidas Podemos insta á Xunta a protexer da ofensiva eólica á recén proclamada Ribeira Sacra como Reserva da Biosfera

O nomeamento coincide co sometemento a información pública no DOG dun proxecto eólico fragmentado que pon en perigo á Ribeira Sacra

O deputado de Unidas Podemos, Antón Gómez Reino, presentou unha iniciativa no Congreso sobre a fragmentación de proxectos de parques eólicos a instalar na Ribeira Sacra, recén proclamada Reserva da Biosfera galega xunto as serras do Courel e o Oribio.

Este nomeamento coincide co sometemento a información pública no DOG dun proxecto eólico fragmentado que pon en perigo a un espazo que acaba de ser recoñecido pola Unesco. O proxecto Parque Eólico Treobada pretende instalar 12 aeroxeneradores cunha potencia total de 50MW que afectarían aos municipios de Castro Caldelas, Chandrexa de Queixa, A Pobra de Trives e San Xoán de Río, no entorno da Ribeira Sacra.

Este proxecto non inclúe a instalación dunha subestación transformadora de enerxía, polo que empregaría a do parque eólico Ventumelo, outro proxecto de 50MW na Pobra de Trives, Ribas de Sil e San Xoán de Río. Estes proxectos son impulsados polas sociedades Wind Grower SL e Wind Hero SL, ambas pertencentes ao empresario Antonio Mascaró Gomila.

Ademais, nestes momentos están en tramitación os parques eólicos de Neboada, Orballeira e Xeada, que compartirían as infraestructuras de evacuación e afectarían a varios municipios. Con esta estratexia de fragmentación preténdese evitar as inspeccións do Ministerio de Transición Ecolóxica ao superar os 50MW e facilitar a tramitación por parte da Xunta de Galicia ao ser a encargada de controlar este tipo de instalacións dunha maneira máis laxa e accesible para as eléctricas.

«É ilóxico que unha zona que forma parte da Reserva da Biosfera vaia ser invadida por parques eólicos», alega Gómez Reino. «A Ribeira Sacra é unha zona de enorme valor ambiental, cultural e turístico. O impacto visual, paisaxístico e na fauna da zona supón someter esta riqueza ao interese de empresas privadas».

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada.

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.