Vilalba Aberta presenta as súas liñas de actuación para o novo curso político no concello

Modesto Renda reclama “estabilidade, traballo e consensos” para dar solución aos problemas da veciñanza e desbloquear os temas pendentes da lexislatura

Os concelleiros de Vilalba Aberta, Modesto Renda e Mª Xosé Fernández, avanzaron este luns as liñas de traballo que levarán adiante no comezo do novo curso político. Así, acompañados por varios membros da formación municipalista, os edís explicaron polo miúdo os  eixos de actuación a través dos que pretenden contribuír, dende o exercicio dunha oposición “seria, rigorosa e en positivo”, a “dar solución aos problemas da veciñanza” e “desbloquear os temas pendentes da lexislatura.”

“Fronte ao ruído e a parálise: estabilidade e desbloqueo en beneficio da veciñanza”

“O traballo de Vilalba Aberta no Concello é sinónimo de responsabilidade, fiscalización e consensos en beneficio da veciñanza”, apuntou un Modesto Renda, que definiu o acordo programático ao que a súa formación chegou no pasado mes de Agosto co PSOE como “o máis claro exemplo” de que a estabilidade e o desbloqueo da parálise municipal “só vira da presenza de Vilalba Aberta na mesa de negociacións.”

“Grazas ao acordo que arrincamos do PSOE, desbloqueáronse as axudas a autónomos e deuse luz verde a un investimento nas parroquias de preto de 800.000€. Agora toca sacar adiante uns orzamentos e o goberno sabe que a nosa man está tendida”, apuntou.

Sacar adiante os orzamentos, o primeiro obxectivo

“A aprobación duns Orzamentos, é, máis alá dunha obriga do goberno, condición indispensable para a recuperación económica post Covid.” Así explicou Mª Xosé Fernández o posicionamento da formación, en relación coa necesidade dunhas novas contas “superadoras” das prorrogadas da lexislatura do PP.

“Non  podemos entender que o PSOE siga gobernando por decreto co presuposto do PP e non pode haber descanso para Vilalba Aberta namentres as necesidades das parroquias, dos autónomos e das familias traballadoras non estean blindadas nunhas novas contas municipais”, declarou a este respecto Renda.

A formación municipalista ofreceulle ao PSOE pactar as de 2020 e as de 2021. É por isto que seguirán traballando dende o mesmo comezo deste novo curso político, a fin de que o Concello de Vilalba deixe de ser o único da Provincia sen presuposto dende 2019.

Desbloquear a R.P.T, avanzar no plan xeral e pór fin a situación de alegalidade dos servizos municipais sen renovar

“Que Vilalba siga a ser unha negativa excepción en materia de contratación e réxime interno, en base á incapacidade do goberno para sacar adiante a R.P.T (Relación de Postos de Traballo) é unha cuestión central para o noso Grupo Municipal”, explicou Renda. O voceiro, que definiu a problemática como “a base da lentitude e a improvisación coa que o goberno xestiona as diferentes áreas”, avanzou que volverán interpelar á edil delegada en materia de persoal, Marta Rouco, co fin de que dea conta da inexplicable parálise, toda vez que o “convenio colectivo xa quedou aprobado na anterior lexislatura.”

Mais se central é para Vilalba Aberta a problemática de persoal, a que se deriva da incapacidade do Goberno para avanzar no P.X.O.M, non queda atrás. A formación asemblearia, que no Pleno Ordinario de Maio conseguiu sacar adiante a creación dunha Comisión de seguimento do Plan Xeral, anticipou que proseguirá a súa labor de presión ao goberno socialista, logo de que, “6 meses despois, a Alcaldesa siga sen convocala.”

Igualmente críticos son dende a formación municipalista, co feito de que un servizo público “fundamental para a veciñanza de vila e parroquias”, como é o de recollida de lixo e limpeza viaria sume practicamente un ano fóra de contrato. Renda, que tachou de “irresponsable e alegal” a actual prestación do servizo pola aplicación da doutrina “da vía de feito”, sen prórroga nin licitación, urxirá á Alcaldesa a facer público o estado do proceso de renovación dunha contrata, que “non contempla prórroga e que calquera goberno responsable e previsor tería xa hai meses listo en tempo e forma”, censurou.

Así mesmo, Vilalba Aberta seguirá a traballar da procura dunha solución para as traballadoras do servizo de limpeza nos colexios e instalacións. Unha problemática que, tal e como recordou Mª Xosé Fernández, foi denunciada diante do goberno polas mesmas traballadoras e por Vilalba Aberta en decembro do pasado ano.

“A empresa acumulaba naquel intre tres meses de impagos; mais, de xeito incomprensible, un mes despois, en xaneiro de 2021 e xusto cando remataba a concesión, o goberno local non só non lle retirou o servizo, senón que lle permitiu seguir prestando o contrato, malia incumprir claramente os pregos”, explicou.

É por isto que dende Vilalba Aberta responsabilizan ao goberno dos entre 6 e 9 meses impagos, posteriores ó vencemento do contrato con García Galcar e nese senso seguirán a presionar, a fin de que estas recuperen o que lles corresponde como froito do seu traballo.

Compromiso coa ampliación do chan industrial

O compromiso coa ampliación do chan industrial, en base ao interese de varias empresas por asentarse no Concello e ao afán por conseguir que outras dean ese paso, representou o primeiro punto do Programa Electoral co que Vilalba Aberta concorreu ás Eleccións Municipais do pasado 26 de Maio.

A este respecto, como oposición municipal ao goberno en minoría do PSOE e máis de dous anos despois do inicio da lexislatura, dende Vilalba Aberta cren necesario pór fin á inacción do goberno nese senso.

“Arroxar luz diante da veciñanza ao respecto de cal é o estado actual das accións e/ou negociacións en relación co propósito de materializar o necesario proxecto de ampliación será un dos eixos fundamentais do traballo do noso Grupo Municipal”, avanzou Renda.

Os fondos do canon eólico, ás parroquias

Tanto na anualidade 2020 como na de 2021, Vilalba Aberta ofreceulle ao PSOE pactar que os arredor de 200.000€ do Fondo de Compensación Ambiental – que financia o Canon Eólico – reverteran directamente nas parroquias.

Lamentablemente, e do mesmo xeito que acontecía nas lexislaturas do PP, o seu destino segue a ser o casco urbano e neste senso, dende a formación, definiron esta proposta como “unha verdadeira liña vermella en calquera negociación dos Orzamentos”.

Zona azul gratuíta: unha conquista de Vilalba Aberta, á espera de que o goberno a poña en marcha

No que ten que ver coa necesidade de máis espazos para o aparcamento, dende Vilalba Aberta enténdese que a decidida aposta pola humanización debe sempre ir da man da procura de alternativas de estacionamento, máis se cabe nunha vila de servizos proxectada cara as parroquias como é o caso de Vilalba.

“Nosas foron a maior parte de iniciativas nese senso mais, aínda aprobadas por unanimidade, non foron postas en marcha”, censurou Fernández, en clara alusión á zona azul de balde.

Unha medida contrastada en multitude de vilas e concellos, encamiñada a regular o aparcamento nas máis conflitivas rúas e, cuxa posta en marcha en Vilalba (aprobada por unanimidade no Pleno Ordinario de Maio) seguirá a ser “cabalo de batalla” da formación municipalista.

Así mesmo, dende VA lembran que a iniciativa debe ser complementaria da “necesaria” regulación do aparcadoiro subterráneo da Praza da Constitución. Un proxecto, este último, do que tal e como criticou Renda, “nada se sabe un ano despois do seu anuncio, máis alá de que non introduce ningún elemento novo en relación co anterior proxecto do PP,” pois – denunciou – “segue sen vincularse a prazos de licitación e execución, a pesares de ser un proxecto xa encamiñado e publicitado na anterior lexislatura.”

Centro de día con cargo aos fondos europeos “Next Generation”

Os Fondos Europeos de Recuperación son, para Vilalba Aberta, unha oportunidade que o Concello non pode deixar pasar de cara a cumprir cunha demanda histórica. E nese senso,  a iniciativa que formación conseguiu sacar adiante, a fin de que goberno local e Xunta elaboraran un proxecto que sitúe ao Concello de Vilalba en disposición de optar ao financiamento do Centro de Día.

“Dende Vilalba Aberta falamos claro, Nin a Xunta nin Europa nos vai financiar nada sen un proxecto, e as últimas declaracións da Alcaldesa logo de se aprobar a nosa proposta non van na liña correcta”, explicou Renda.

Unha opinión compartida por Mª Xosé Fernández que lembrou que “o reparto de culpas entre PP e PSOE non vai traer o Centro de día.”

“Os Fondos Europeos de Recuperación si; mais nada sabemos da elaboración do proxecto e neste senso a nosa labor de fiscalización”, sentenciou.

Museo de prehistoria e arqueoloxía

Dende 2018, primeiro co PP e agora co PSOE, leva denunciando Vilalba Aberta o deixamento de funcións do Concello ao respecto do MUPAV, pola vía de sucesivas iniciativas instando aos respectivos gobernos a asumir as súas obrigas no relativo ao mantemento do espazo público que ocupa.

É por isto, que urxiran de novo ao Goberno a emendar as deficiencias en forma de filtracións de humidade. Unha incumprida promesa, que consideran de absoluta prioridade, a fin de que nin o patrimonio bibliográfico nin o arqueolóxico sufran ningún tipo de dano.

De xustiza é, así mesmo, para a formación pór fin á escaseza de recursos que dende hai anos vén padecendo o museo. Para isto propoñen un “grande acordo municipal” que sexa quen de superar a actual situación de dependencia que a institución ten con respecto á Asociación de Amigos do Museo. Unha proposta que dende Vilalba Aberta volveran a facer chegar ao Goberno, toda vez que “a resolución da cuestión xurídica á que se comprometera a alcaldesa segue, un ano despois, pendente”, lembrou Renda.

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.