A Deputación da Coruña mantén o asesoramento enerxético á cidadanía cunha achega de 50.000€ para a FAEPAC

“A FAEPAC leva 15 anos facendo un traballo fundamental para contribuír a eliminar a pobreza enerxética e reducir as emisións de CO2 e doutros gases contaminantes”, indicou Valentín González Formoso

A Deputación da Coruña cofinancia con 50.000 euros o programa de asesoramento enerxético da Fundación Axencia Enerxética Provincial da Coruña (FAEPAC), dependente da institución provincial. Este servizo permite informar á cidadanía da provincia sobre a factura eléctrica, o bono social e como aforrar e ser máis eficentes enerxeticamente. Ao longo deste ano a entidade pretende levar como mínimo 260 xestións de asesoramento enerxético.

O presidente da Deputación e da FAEPAC, Valentín González Formoso, e a deputada Cristina Capelán asinaron o convenio a través do que se achega preto do 80% do custo deste servizo (62.735 euros). “Seguimos dando apoio a esta entidade, dependente da Deputación, que leva xa 15 anos facendo un traballo fundamental para contribuír a eliminar a pobreza enerxética e reducir as emisións de CO2 e doutros gases contaminantes”, sinalou González Formoso. O presidente provincial manifestou que, a través da prestación destes servizos, un dos obxectivos do goberno provincial é “utilizar o coñecemento da FAEPAC para axudar á cidadanía a aforrar na súa factura eléctrica”.

A través desta axuda a Deputación impulsa o servizo permanente de asesoría enerxética que ofrece a FAEPAC á cidadanía sobre a factura eléctrica, o bono social e todos os aspectos relacionados co aforro e a eficiencia enerxética no fogar. Este proxecto é levado a cabo polo persoal técnico e administrativo da fundación a través das oficinas instaladas en Cerceda e As Pontes.

A iniciativa inclúe a identificación de persoas afectadas pola pobreza enerxética en colaboración e coordinación cos servizos sociais municipais correspondentes, así como a análise de ferramentas e axudas implementadas polas diferentes administracións públicas neste ámbito, a realización de auditorías enerxéticas nos fogares ou medidas correctoras, entre outras.

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.