A Deputación de Lugo renova o compromiso coa igualdade de dereitos e oportunidades no Día das Mulleres Rurais

Aprobada unha Declaración de Goberno coincidindo con esta efeméride para “lembrar a necesidade de poñer en marcha actuacións que melloren as condicións de vida das mulleres no rural, algo especialmente necesario nunha provincia como a de Lugo”

A Xunta de Goberno da Deputación de Lugo celebrada este venres aprobou unha declaración con motivo do Día Internacional das Mulleres Rurais, que se conmemora o 15 de outubro, na que renova o seu compromiso coa igualdade de dereitos e oportunidades das persoas e lembra “a necesidade de poñer en marcha actuacións que melloren as condicións de vida das mulleres no rural, algo especialmente necesario nunha provincia como a de Lugo, na que este marco socioxeográfico ten un peso tan importante”. O texto íntegro da Declaración de Goberno é o seguinte:

Dende a Deputación Provincial de Lugo, sumámonos á conmemoración do 15 de outubro, Día Internacional das Mulleres Rurais, renovando o noso compromiso coa igualdade de dereitos e oportunidades das persoas, sen distinción de xénero ou lugar de residencia. E aproveitamos este día para lembrar, unha vez máis, a necesidade de poñer en marcha actuacións que melloren as condicións de vida das mulleres no rural, algo especialmente necesario nunha provincia como a de Lugo, na que este marco socioxeográfico ten un peso tan importante.

Estas accións de mellora pasan por garantir a universalidade dos servizos públicos gratuítos e de calidade nos entornos rurais. Educación, Sanidade e Servizos Sociais son ferramentas que cumpre poñer ó servizo dunha aposta realista pola igualdade, especialmente no eido rural.

A concepción tradicional da sociedade, tan presente no rural, atribuía ás mulleres o coidado do fogar, dos nenos, das persoas enfermas ou dos e das maiores, limitando así os seus proxectos vitais. A taxa de alfabetización era menor, as súas posibilidades de estudar, traballar ou desenvolver unha vida independente, moi limitadas.

A chegada do Estado do Benestar abriu novas perspectivas para as mulleres do rural na Europa da segunda metade do século XXI. Pero para que esas perspectivas se manteñan, cumpre velar polo desenvolvemento efectivo dese sistema no eido rural. Porque a carencia de servizos públicos, o recorte dos mesmos ou o seu funcionamento ineficaz, afectan dun xeito especial ás mulleres, que se ven, de novo, abocadas a asumir as funcións que o Estado deixa de cubrir. E cumpre lembrar que esta situación ten un impacto importante no éxodo de poboación do rural. Dúas de cada tres persoas que abandonan unha aldea son mulleres, que buscan nas cidades maiores prestacións públicas e mellores ofertas de emprego.

A pandemia da COVID tivo un inesperado efecto positivo, no sentido de botar unha nova mirada acerca dos estilos de vida e as potencialidades do rural. Dende a Deputación de Lugo vimos desenvolvendo políticas que achegan os servizos públicos no rural e que promoven o mantemento e a captación de emprego, con especial atención ás necesidades das mulleres e tamén da poboación máis nova. Pensando en que a combinación de emprego de calidade e servizos públicos é a grande aposta pola igualdade real para as mulleres do rural.

Por iso, renovamos hoxe o noso compromiso coas políticas de igualdade, ao tempo que recoñecemos o papel esencial das mulleres á hora de frear a despoboación e o envellecemento das nosas vilas, aldeas e pobos, de poñer en valor as capacidades produtivas do rural e de manter a nosa cultura tradicional.

Reiteramos o noso compromiso de seguir impulsando a aplicación da perspectiva de xénero nas políticas locais, ó tempo que seguiremos traballando na promocións de programas de fomento do emprego feminino e conciliación familiar que permitan avanzar na consolidación da igualdade plena no rural.

Unhas políticas para as que reclamamos tamén a achega orzamentaria suficiente que permita ós concellos desenvolver as competencias nesta materia e garantir o mandato constitucional de igualdade de dereitos e oportunidades en todo o territorio da nosa provincia.

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada.

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.