A Deputación de Ourense e Xunta de Galicia colaborarán na recuperación para 2022 da Festa da Vendima de Monterrei

A Deputación de Ourense e a Xunta de Galicia colaborarán na recuperación da Festa da Vendima de Monterrei, a celebrar en outubro de 2022, nunha cita na que ademais de promocionar os viños da comarca tamén se porán en valor os seus recursos turísticos, patrimoniais e culturais, “nunha demostración máis da forte aposta que desde hai anos mantén este goberno provincial por un dos sectores estratéxicos na economía ourensá”, destacou o presidente Manuel Baltar logo da reunión que se celebrou no Pazo Provincial coa asistencia do conselleiro do Medio Rural, José González, o alcalde de Monterrei, José Luis Suárez, e a presidenta da Denominación de Orixe Monterrei e da Ruta do Viño, Lara da Silva. 

O acordo alcanzado entre a Deputación e a Xunta permitirá darlle un novo impulso a esta festa, “o que tamén se reflectirá na comarca en xeral e no concello de Monterrei en particular, pois un dos aspectos que tamén que se potenciará está relacionado coa Ruta do Viño, que actúa como outro factor de promoción para a zona”, sinalou Manuel Baltar. 

Para a Consellería de Medio Rural, citas como a Festa da Vendima de Monterrei potencian tanto a imaxe de marca e identidade como o turismo vinculado aos territorios vitivinícolas. Así, a posta en marcha da estratexia de dinamización económica, territorial e turística das comarcas vitivinícolas de Galicia persegue consolidar os viños galegos nos mercados nacional e internacional e transformar, de aquí a 2026, a capacidade de xeración de valor dos territorios nos que se produce.  

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada.

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.