Ana Miranda respalda en Bruxelas aos traballadores de Vestas que protestan contra o peche da empresa

O BNG demanda o desenvolvemento dun Plan de Emprego e Industrialización para A Mariña

A portavoz do BNG en Europa, Ana Miranda, mantivo un encontro en Bruxelas con dous traballadores da multinacional Vestas, que están facendo unha viaxe de Viveiro a Dinamarca (sede da empresa) a modo de protesta pola intención de pechar a fábrica de aeroxeradores da comarca da Mariña e que supón o despido de 115 traballadoras e traballadores.

“Temos que frear a desindustrialización do noso país, que sendo especialmente preocupante na comarca da Mariña, porque sen industria non temos futuro”, salienta Ana Miranda, quen defende a creación e a aplicación dun Plan de Emprego e Industrialización para A Mariña que evite que esta comarca se converta nun deserto industrial e demográfico.

O BNG defende a paralización do ERE da empresa e salvar os 115 postos de traballo, xa que non existe ningunha razón obxectiva que o xustifique, en tanto que se trata dunha empresa que se dedica á fabricación de aeroxeradores para a enerxía eólica. “É paradoxal que queiran pechar unha fábrica de aeroxeradores cando por outro lado asistimos ao fomento de instalación de parques eólicos que espolian os nosos recursos”, denuncia a portavoz do BNG en Europa.

Derrogación da Reforma Laboral

Ana Miranda urxe a derrogación da Reforma Laboral, xa que se esta non estivese en vigor o ERE non podería ser levado adiante e garantiríanse os postos de traballo. “A realidade é que PP e PSOE non están facendo nada para salvar os postos de traballo en Galiza”, denuncia.

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada.

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.