Arias anima aos negocios do sector cultural lucense a adherirse ao bono de descontos da Xunta

O delegado territorial da Administración galega explicou que as empresas xa poden darse de alta para participar na campaña, que ofrece aos clientes descontos do 50% ata completar un saldo total de 50 euros para cada usuario

O delegado territorial da Xunta, Javier Arias, animou hoxe aos negocios do sector da cultura da provincia de Lugo a adherirse á nova campaña impulsada polo Goberno galego para incentivar o consumo, o Bono Cultura, que ofrece aos clientes descontos do 50% en produtos ou servizos ata esgotar un saldo total de 50 euros para cada usuario.

Durante unha visita a dúas librarías lucenses que xa se sumaron –Biblos e El Faro de los tres mundos– Arias explicou que esta iniciativa pretende estimular as vendas “co obxecto de paliar a caída do consumo rexistrada en 2020 por mor da pandemia”, na mesma liña doutras medidas promovidas pola Administración autonómica como o Bono Comercio ou o Bono Turismo.

O prazo de inscrición dos establecementos abriu o martes e nestes primeiros días anotáronse preto de 40 da provincia de Lugo. Poden participar negocios dedicados á venda de produtos e bens culturais, salas de cine, teatros, auditorios, salas de concertos, museos, casas-museo, salas de exposicións, asociacións, entidades e fundacións culturais.

Os clientes poden empregar o bono para mercar produtos audiovisuais (películas, series… ) en formato físico; libros e videoxogos; entradas para salas de cine, concertos,   espectáculos escénicos ou museos, entre outros.

As empresas teñen ata o 18 de novembro para inscribirse no programa, trámite que deberán facer desde a web bonocultura.gal. Nesta mesma plataforma os usuarios poderán descargar o seu bono a partir do 1 de novembro e consultar a lista de entidades adheridas.

O período de validez dos descontos será desde o 1 de novembro ata o 31 de decembro e cada usuario poderá usar o bono tantas veces como desexe ata esgotar os 50 euros de crédito dispoñibles. O cupón emitirase en formato dixital a través dun código QR.

En total, poñeranse en circulación un total de 39.000 bonos para residentes en Galicia maiores de idade. A Consellería de Cultura, Educación e Universidade destina un orzamento próximo aos 2M€ para poñer en marcha esta iniciativa.

Proceso sinxelo

Unha vez que os establecementos se adhiren ao bono, contan coa aplicación descargada e están rexistrados, o cobro dos produtos é sinxelo. En primeiro lugar, o cliente amosa o seu código QR do bono; o titular do establecemento accede á APP TPV e teclea o importe total da compra; a APP valida e calcula o prezo final a cobrar ao cliente, para que despois o establecemento efectúe o cobro e valide a operación na aplicación.

A plataforma rexistra e desconta o bono, e a Xunta de Galicia abona a través da entidade financieira o pago da cantidade descontada ao establecemento cultural, un abono que se realizará semanalmente.

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada.

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.