Camiño Escena Norte clausura a súa actividade escénica en Compostela co espectáculo ‘Lloviendo ranas’

O Salón Teatro compostelán acolle este domingo, 10 de outubro, unha proposta escénica da compañía vasca Ados Teatroa e un encontro posfunción co público, ambas as dúas actividades posibles grazas ao apoio da Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic) da Xunta de Galicia

O programa de intercambio cultural Camiño Escena Norte clausura este domingo 10 no Salón Teatro de Santiago de Compostela a súa actividade escénica cunha dobre proposta, función e encontro co público, que conta co apoio da Xunta de Galicia a través da Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic). O Salón Teatro acolle así o peche do programa de exhibición aberto ao público, nomeado Itinerario Constelacións, que o proxecto interterritorial estivo a desenvolver desde o 12 de setembro nas catro comunidades autónomas implicadas na iniciativa: Galicia, Asturias, Cantabria e Euskadi.

Lloviendo ranas, a obra responsable de clausurar o programa de exhibición Itinerario Constelacións, é autoría da compañía Ados Teatroa de Euskadi e nela reconstrúese, a través de flashbacks, a viaxe emocional e vital dunha persoa con enfermidade mental que parece a piques de se suicidar. O texto está baseado nun laboratorio creativo no que se traballou cunha ducia de persoas con diversidade mental. O laboratorio cristalizou nesta obra na que os testemuños reais se funden coa trama principal nunha narración homoxénea que defenden no escenario actores e actrices con e sen diagnose de enfermidade mental.

Logo de rematar a obra, que ten a cualificación de espectáculo inclusivo recomendado pola Rede Española de Teatros e Auditorios, o público terá a oportunidade de dialogar coa compañía nun encontro posfunción no que tamén participará a actriz Victoria Teijeiro, de La Quintana Teatro.

Coas actividades do domingo 10 remata o itinerario por terras galegas do Camiño Escena Norte, logo de programar nove funcións nos concellos de Arzúa, Lugo, Melide, Mondoñedo, Negreira, Ribadeo, Sobrado dos Monxes, Vilalba e Santiago de Compostela. Cómpre salientar que os espectáculos estiveron acompañados de actividades paralelas de mediación, como obradoiros de contextualización ou de movemento ou encontros co público, como o que se vai desenvolver en Santiago o  vindeiro domingo e na que participará Ados Teatroa. Alén desta compañía, as outras que participaron na edición galega de Camiño Escena Norte neste 2021 foron a tamén vasca Marie de Jongh, as asturianas A66 Producciones e Meraki Cía e as cántabras Anabel Díez / El Tejo Producciones, Babirusa Danza e La Machina Teatro.

Camiño Escena Norte bota o pano este domingo no seu programa de exhibición, mais proseguirá no ámbito profesional con novas sesións de Cruzamentos, a rede de estadías de intercambio escénico, artístico e profesional que rematará no mes de novembro en Euskadi, co encontro entre a compañía galega Caramuxo Teatro e a vasca Marie de Jongh.

Axenda Camiño Escena Norte 2021 – 10 de outubro

10.10.2021 | 18.00 a 19.00 horas no Salón Teatro, Santiago de Compostela
Ados Teatroa (Euskadi). Lloviendo ranas.
Entrada libre ata completar a capacidade do espazo. Retirada de convites na billeteira do teatro dende as 16.00 h. Máximo 2 convites por persoa. Público adulto.

10.10.2021 | 19.00 horas Salón Teatro, Santiago de Compostela
Posfunción. Ao rematar a función de Lloviendo ranas, celebrarase un encontro entre o público asistente e a compañía. Acompaña Victoria Teijeiro (La Quintana Teatro).

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.