Carmela Silva pide unidade no acto do Día da Hispanidade en Baiona.“Que ninguén quede atrás”

O 25 de setembro de 2015, os 193 estados membros da ONU aprobaron a Axenda 2030. Daquela, como sabedes, definíronse os 17 Obxectivos de Desenvolvemento Sostible que teñen como meta acadar unha prosperidade respectuosa co planeta e as persoas que nel habitan. Tamén naquel momento, estableceuse o grande principio reitor da Axenda 2030: “que ninguén quede atrás” que, seis anos despois e tralo estoupido da covid-19, non pode estar máis de actualidade…

 

E digo isto porque “que ninguén quede atrás” significa garantir os dereitos humanos vivamos onde vivamos, en Europa ou en América,  África, Asia ou Oceanía, poñendo o aceno nas persoas e no planeta, pero tamén garantindo a prosperidade e a paz e asegurando a participación colectiva.

“Que ninguén quede atrás” significa ademais poñer fin á pobreza e á fame; impulsar a saúde, o benestar e unha educación de calidade; loitar pola igualade de xénero e a redución de desigualades; conseguir traballos decentes e un crecemento económico axeitado; construír cidades e comunidades sostibles; espallar a auga limpa e o saneamento; garantir a vida dos ecosistemas terrestres impulsando accións polo clima e coidando a vida submarina; traballar poñendo o aceno na paz, na xustiza, en institucións sólidas e no establecemento de alianzas para lograr os obxectivos.

E “que ninguén quede atrás” significa tamén que desta pandemia temos que saír todas e todos xuntas e xuntos, unidas e unidos, sen excepción. Se algo demostrou a covid-19 é que ninguén é alleo e allea a este virus, que somos vulnerables. Por iso este grande principio debe ser a nosa folla de ruta, a nosa liña mestra. Ten que ser o que verdadeiramente nos inspire nesta resposta e saída á crise sanitaria da covid-19.

Así que, que neste Día da Hispanidade, que levamos xa vinte anos celebrando conxuntamente o Concello de Baiona e a Deputación de Pontevedra, 20 anos celebrando a unión entre dous mundos, celebrando a multiculturalidade, a fraternidade, e a búsqueda do interese común, que mellor para aproveitar todo o que significa esta grande cita e coller forzas para mirar ao futuro con optimismo.

Porque o que hoxe celebramos non é a intolerancia, a uniformidade ou a imposición, senón que festexamos o encontro, o respecto á diversidade e á diferenza, a concordia, a unión e suma de sinerxías. Cuestións, todas elas, tan necesarias para saír desta crise global que xerou a covid-19.

E non hai mellor lugar para falar de reactivación, de reconstrución, dun novo mundo que aquí, en Baiona, onde por vez primeira tivemos coñecemento de que existía América e de que xa non se podía entender o planeta como se entendía ata aquel momento. E digo e fago fincapé nisto, amais, porque hoxe tampouco podemos entender este novo mundo como o que era, como a volta ao punto onte nos atopabamos antes da covid-19.  Non.

Agora temos unha auténtica oportunidade. Nada máis e nada menos que temos ante nós a posibilidade de construír un novo mundo.  Se descubrir en 1492 América foi un fito fundamental para a historia global, agora vivimos outro momento histórico que, sen dúbida algunha marcará un antes e un despois.

Este é o momento de repensar os nosos obxectivos, acelerar as transformacións  e tomar decisións que determinarán, sen dúbida algunha, o éxito da recuperación. Este é o momento de mirar cara adiante cheas e cheos de esperanzas, de trazar o camiño, a senda de construción dun mundo  máis sostible, máis resiliente, onde a cooperación internacional, o respecto aos dereitos humanos, á biodiversidade, a xustiza social e a igualdade de xénero conformen o único escenario posible para saír desta crise.

Permitídeme que me deteña neste último aspecto, na igualdade, porque si, as mulleres, que son hoxe tamén protagonistas do Día da Hispanidade a través da posta en escena de “Mujeres de ultramar” (que poderemos escoitar ao remate da miña intervención), tivemos e temos un papel fundamental. Fomos esenciais durante a pandemia, como persoal maioritario en hospitais, en escolas, nos coidados, pero tamén como investigadoras, como científicas, como innovadoras, como cabezas pensantes que, entre outras moitas cousas, impulsamos e lideramos nada máis e nada menos que a propia vacina contra a covid. Celebramos ás mulleres bravas, con iniciativa e con empuxe que seguen a traballar por acadar a igualdade e unha sociedade máis xusta e decente

Así que si. Precisamos unha sociedade máis igualitaria e inclusiva para poder impulsar unha recuperación verdadeiramente transformadora, pero tamén para poder construír sociedades resilientes e integradoras, que aposten por unha economía que integre e recoñeza o valor dos coidados, pero que tamén aposte pola transición verde, que integre a loita contra o cambio climático e a preservación da biodiversidade.

Debemos apostar tamén pola transformación dixital e a innovación, por tomar decisións baseadas no coñecemento, na intelixencia e na ciencia para avanzar ao servizo dos dereitos e da cohesión social e  territorial, e construír sociedades mellores, que dean respostas globais, sociais e humanas aos problemas. E, por suposto, facelo sumando sinerxías, establecendo alianzas inclusivas, porque a recuperación económica e saída da crise pasa tamén pola cooperación internacional, pola xenerosidade, polo multilateralismo, por fortalecer os lazos e as relacións que nos van permitir poder construír un mundo máis social.

Non cometamos os erros do pasado… Na década de 1940 as vacinas permitiron eliminar a varíola nos países ricos pero, sen embargo, a enfermidade seguiu presente ao regresar a eses países dende fóra das súas fronteiras. Foi necesario despregar un inxente esforzo mundial, que durou varias décadas, concretamente ata o ano 1978, para erradicar a varíola a nivel mundial…

Así que debemos ser xenerosas e xenerosos, sumar, como dixen antes, sinerxías e compartir e poñer en común o coñecemento. Non o esquezamos: ninguén pode quedar atrás e, por riba de necesidades individuais, precisamos procurar o ben común como prioridade global para a recuperación. Ata que as vacinas se distribúan de xeito xeneralizado, a economía mundial pode seguir a correr o risco de sufrir perturbacións da man de novos gromos ou variantes do virus.

Novamente aquí ten moito que dicir este día que hoxe celebramos en Baiona, o Día da Hispanidade que, se algo nos ensina tamén, é a non volver a errar. Actuar illadamente, unilateralmente, por bloques, egoistamente ou a través da imposición non é a estratexia adecuada para construír un novo mundo. Non o foi en 1492 nin o é agora.

Así que aproveitemos esta oportunidade. Collamos forzas e, con optimismo, unidas e unidas, traballemos xuntas e xuntos para construír un novo mundo, un mundo forte, xusto, cohesionado, dixital, innovador, verde e igualitario.

Moitas grazas.

Fotos. rafa estévez

 

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.