Concello de Bergondo. Lucía Durán Paredes, recibe o premio de poesía Filomena Dato polo seu poemario ‘Cartografía dos nomes’

O salón de plenos do Concello de Bergondo acolleu esta mañá de sábado o acto de entrega do premio do II Concurso de Poesía Filomena Dato que organiza o Concello de Bergondo. Lucía Durán Paredes é a autora premiada nesta ocasión con Cartografía dos nomes. Durante o acto tamén se procedeu á presentación da obra gañadora o ano pasado xa editada. Trátase de Ave do Paraíso de Lorena Conde.

As gañadoras deste certame poético responden a perfís diferentes. Por unha banda, Lorena Conde é xa un nome coñecido, unha poeta e dramaturga con traxectoria. Mentres que Lucía Durán é unha nova voz que emerxe na poesía galega a través desta iniciativa bergondesa.

Á hora de decidir premiar Cartografía dos nomes o xurado valorou o texto «a súa voz xenuína e a honestidade nun orixinal no que destaca a limpeza e a emoción. A sinxeleza é nel un valor crucial. Quéreselle dar voz a personaxes que moitas veces non a teñen«.

Lucía Durán: «Desde nena teño obsesión polos nomes«

A alcaldesa de Bergondo, Alejandra Pérez, deu a benvida e felicitou á a autora, Lucía Durán, quen declaraba: «Cando me chamaron non sabía dicir máis nada que grazas, grazas, grazas. Sigo agradecida polo trato que estou a recibir. Levaba 20 anos sen facer nada deste perfil e cando de súpeto encerráronnos en casa algo fixo clic. Quixen darlle voz á xente que case nunca ten voz. A xente marxinada. Teño desde nena unha pequena obsesión cos nomes e quixen darlles vida a eses nomes. Teño unha ilusión tremenda por ver o libro o próximo ano co coidado que ten en Apiario para todo. Na obra hai 35 poemas e 37 nomes, persoas diferentes«.

No caso de Lorena Conde, a autora non puido acudir ao acto por atoparse en Madrid precisamente adaptando ao teatro o poemario co que gañou a edición do ano pasado. A este respecto, Alejandra Pérez resaltaba que Lorena Conde estivese en Madrid cunha bolsa para adaptar ao teatro a obra premiada o ano pasado «de tal forma que a obra segue o seu percorrido«. Isto, sinalaba a alcaldesa «fala do nivel de esixencia que o xurado tivo tanto na primeira edición como nesta á hora de elixir as obras gañadoras«.

O acto contou coa presenza de representantes da corporación municipal, incluídas a concelleira responsable da área de cultura, Patricia Vázquez, e a alcaldesa, Alejandra Pérez, así como dúas das persoas encargadas da edición por parte de Apiario.

O xurado da edición 2021 do II Concurso Filomena Dato estivo composto por: Alejandra Pérez Máquez, presidenta, Antía Otero Rodríguez, Míriam Ferradáns Ferradás e Carlos Negro Romeu como vogais.

O certame de poesía Filomena Dato pretende asentarse no panorama cultural galego co obxectivo de contribuír á difusión da lingua e a literatura galega á vez que rescata do esquecemento a figura dunha muller fundamental e pouco coñecida dentro do movemento literario do Rexurdimento como escritora e apaixonada feminista galega.

O premio

O premio ten unha dotación económica de 2.000 euros. A maiores, o poemario gañador será publicado pola editora Apiario na súa colección de poesía, do mesmo xeito que a obra premiada o pasado ano que xustamente se presentaba en primicia no acto.

A autora deste ano levou tamén como recordo da súa visita a Bergondo unha ilustración da figura de Filomena Dato do artista gráfico Luís Galán, así como un exemplar de Follatos, para que poida coñecer a obra da escritora que dá nome ao premio.

‘Ave do Paraíso’ xa está á venda en liña

A obra Ave do Paraíso xa está dispoñible a través da web da editorial e en breve iniciarase a súa distribución por máis canles de venda como librarías. Cunha coidada edición por parte de Apiario, o texto abre unha colección que o próximo ano engrosará ou poemario gañador desta edición: Cartografía dos nomes.

Apiario é a editorial encargada de coordinar este concurso de poesía e tamén leva a cabo a publicación das obras gañadoras asumindo todo o proceso: deseño, imprenta, distribución e promoción.

Con este galardón, o Concello de Bergondo contribúe a aumentar a nómina de certames que impulsan a creación poética en galego, así como a rescatar do esquecemento a figura dunha muller fundamental e pouco coñecida dentro do movemento literario do Rexurdimento: Filomena Dato Muruais (1865-1926).

 

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.