Ecoloxistas en Acción convocan accións en Galiza a prol dun tren que vertebre o territorio e arrefríe o planeta

No ano europeo do ferrocarril, as organizacións integrantes da Coordinadora Galega polo Tren Público Social e Sostible acudiron hoxe á roda de prensa convocada na sede compostelá do Sindicato Labrego Galego coa esperanza de espallar unha mensaxe clara: Galiza necesita un ferrocarril que vertebre o territorio e que contribúa á loita contra o cambio climático, por canto é unha peza crave na imprescindible descarbonización do transporte.

A Coordinadora anunciou a celebración de dúas concentracións para o venres 22 de outubro ás 19:00 horas na Coruña (Praza San Cristóbal, fronte a estación de ferrocarril) e en Vigo (Estación de Guixar) no contexto dunha semana de loita polo tren que se desenvolve tamén noutras moitas localidades do Estado. Ao tempo, presentouse un manifesto que reclama case unha vintena de medidas para potenciar o ferrocarril no país, en contraposición á aposta dos sucesivos gobernos de PP e PSOE por un errado modelo baseado na estrada e no automóbil e nas liñas de alta velocidade, que debilitou un sistema ferroviario normal/convencional e electrificado, moito máis inclusivo e que hoxe debería xogar un papel central na loita climática.
«A Alta Velocidade consumiu grandes investimentos públicos, ten un gran impacto ambiental e enerxético, e contribuíu ao illamento de infinidade de zonas rurais. Esta concepción do transporte afástase do papel de prestación de servizo público, de vertebración do territorio e de reequilibrio territorial que debe xogar o ferrocarril. En Galicia asistimos á supresión inaceptable de moitos trens rexionais e a un acelerado deterioro dos servizos ferroviarios», afirmou Rafael Escudero, do Sindicato Ferroviario, un dos integrantes da Coordinadora.
No manifesto, as organizacións reclaman un tren público de acceso universal que se centre renovación e actualización das infraestruturas das liñas de tren normal/convencional, amais da recuperación de todas as circulacións suprimidas e paradas eliminadas, incluídos os percorridos nocturnos, así como a potenciación do tren transfronteirizo con Portugal e o fortalecemento con máis frecuencias da rede de ancho métrico transcantábrica.
«Reivindicamos o ferrocarril como un dos modos de transporte máis eficientes enerxeticamente e con menores emisións; eixo dunha mobilidade sostible e multimodal que contribúe tanto á construción de cidades máis habitables como ao equilibrio do conxunto do territorio», indicou Alberto Díaz Ruiz, da Plataforma Defensa do Tren A Coruña e as Mariñas.
A Coordinadora tamén reclamará, nas concentracións do vindeiro venres, a creación dunha rede de trens de proximidade en Galicia, que vertebre o territorio, e expuxo até nove liñas que compriria crear, dende Ourense – A Gudiña – Puebla de Sanabria a Ourense – O Carballiño – Santiago, pasando por Monforte – Lugo – Ferrol, Vigo – Santiago – A Coruña e A Coruña – Lugo, entre outras.
«Desde as organizacións asinantes deste manifesto, somos conscientes da importancia social, vertebradora e sostible do transporte ferroviario. Por iso trasladamos unha proposta á cidadanía para facer posible un xiro radical nas políticas de transporte, e así avanzar cara a un modelo sostible onde a mobilidade a pé, en bicicleta e en tren sexan a prioridade, e o resto de modos sexan subsidiarios e complementarios en tanto non reduzan ao mínimo a súa agresividade ambiental», concluiu membros ecoloxistas da coordinadora.

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.