Empresarios de Lugo e o Colexio de Psicoloxía organizan un obradoiro sobre a ansiedade no traballo

Mañá, xoves 14 de outubro, oitenta persoas participarán nun obradoiro online gratuíto que imparte o Colexio Oficial de Psicoloxía de Galicia (COPG) en colaboración coa Confederación de Empresarios de Lugo (CEL), no que se falará sobre como xestionar a ansiedade no traballo. Mediante este obradoiro preténdese que as persoas asistentes poida identificar cales son os estresores máis habituais aos que están expostas no seu traballo, analizar como lles poden afectar e coñecer algunhas ferramentas básicas para reducilos ou eliminalos

Esta actividade enmárcase no convenio de colaboración asinado este ano entre ambas as dúas entidades, para a promoción de iniciativas conxuntas no ámbito da formación e do asesoramento organizacional, en cuestións como a saúde laboral, como é este caso.

A psicóloga asturiana Bárbara Gogénola García, responsable da área de Saúde Laboral en SICOHR (Grupo SIGI), será a docente deste obradoiro, que presentará o secretario xeral da CEL, Jaime Luis López Vázquez. Bárbara Gogénola é licenciada en Psicoloxía pola Universidade de Oviedo e Técnico de Prevención de Riscos Laborais (PRL), comezou a súa traxectoria profesional traballando na Dirección técnica de Servizos Normativos S.A. no ámbito da PRL. Neste período publicou tres libros baixo o selo de FC Editorial, «Manual de primeros auxilios en el trabajo», «Trabajos en atmósferas explosivas» e «Trabajos en espacios confinados».

Posteriormente, Gogénola diversificou a súa actividade dentro dos Recursos Humanos (como orientación laboral, mentoring, coaching etc.), acompañando as persoas e as organizacións na xestión das dificultades que xorden na vida diaria, ata que en 2018 creou o Grupo SIGI para ofrecer servizos integrais en Psicoloxía.

Na actualidade é responsable da Comisión de Psicoloxía do Traballo, Organizacións e RRHH do Colegio Oficial de Psicólogos del Principado de Asturias (COPPA) e membro do Grupo de Traballo «Xestión das emocións en contornas organizacionais» da División de Psicoloxía do Traballo, das Organizacións e os Recursos Humanos do Consejo General de la Psicología (COP). Ademais, recentemente entrou a formar parte como vogal do Comité Técnico de Normalización CNT 314 – «Xestión dos RRHH».

O obradoiro, promovido pola Sección de Psicoloxía do Traballo e das Organizacións do Colexio Oficial de Psicoloxía de Galicia en colaboración co Gabinete Técnico de Seguridade e Saúde Laboral da Confederación de Empresarios de Lugo (CEL), é a primeira das iniciativas conxuntas entre o COPG e a CEL, que pretenden deste modo contribuír a demostrar a rendibilidade e a eficacia que ten a introdución da psicoloxía na xestión empresarial.

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.