Entradas esgotadas para os concertos de Xoel López e Ángel Stanich no Noites do Porto

Stanich estreará na Coruña o seu novo traballo discográfico, Polvo de Battiato, que se publica este venres 22; e Xoel López presentará un repertorio exclusivo na súa cidade

O ciclo de concertos Noites do Porto pendura este xoves o seu primeiro cartel de sold out. O público esgotou as entradas dispoñibles para asistir aos concertos que Ángel Stanich e Xoel López ofrecerán o vindeiro 31 de outubro no Porto da Coruña. O dúo será o ramo dun singular evento de tres xornadas de experiencias musicais únicas a carón do mar, de pé, para esta ponte de novembro.

Noites do Porto celebrará a súa primeira edición do 29 ao 31 de outubro e contará cun cartel de luxo, no que participan cinco artistas imprescindibles do panorama musical nacional. Xoel López, Ángel Stanich, Bad Gyal, Derby Motoreta’s Burrito Kachimba e Califato ¾ actuarán nunha cita que terá lugar nun espazo simbólico na cidade da Coruña: o seu porto, concretamente, o peirao de Batería, que se abrirá por vez primeira á cultura e á mellor música ao vivo. Sen dúbida, elementos que completan unha orixinal e atractiva proposta cultural para este outono, na que o público poderá gozar de pé dun evento pioneiro no noroeste peninsular.

A cita conta cunha serie de cuestións destacadas: será o último concerto de Bad Gyal até o verán de 2022, suporá a estrea ao vivo do novo álbum de StanichPolvo de Battiato, e o  reencontro de Xoel López co público da súa cidade, na que ofrecerá un repertorio exclusivo. Ademais, dúas das bandas máis relevantes do panorama musical estatal estarán en Noites do Porto: Califato 3/4 debutará na Coruña e Derby Motoreta’s Burrito Cachimba regresará para espallar o seu novo traballo discográfico. As entradas para gozar de Noites do Porto están á venda na páxina web oficial do ciclo.

Horarios e programación

Noites do Porto comezará o venres 29 da man de dúas bandas andaluzas: Califato ¾, un dos conxuntos revelación deste 2021 grazas ao seu impresionante álbum LA CONTRAÇEÑA, no que caben desde zambras western até acid house de corte jondo pasando por un regge flamencófilo; e Derby Motoreta’s Burrito Kachimba, que regresa á cidade para presentar o seu segundo traballo Hilo negro, un LP que é a consolidación dunha banda de barrio que creceu exponencialmente nestes tres anos espallando por festivais e escenarios de todo o país o seu rock e a súa kinkidelia. DMBK serán os responsables de abrir Noites do Porto ás 20.30 horas cun show dunha hora e media para dar paso, ás 22.30 horas, ao desenfreno musical de Califato ¾.

A noite do venres 30 será a quenda dun dos valores en alza da escena musical internacional, musa do dancehall e do trap: Bad Gyal. A cantante dalgúns dos temas máis coñecidos do momento, como 44, Blin blin ou Zorra, ofrecerá na Coruña o seu último concerto sobre os escenarios até o verán de 2022. No porto coruñés reivindicará un talento que suma discos de ouro e millóns de reproducións nas principais plataformas dixitais. A apertura de portas será ás 20.00 horas e o concerto de Bad Gyal comezará ás 21.30 horas.

O peche desta primeira edición de Noites do Porto chegará da man do xenuíno e inclasificable Ángel Stanich, quen estreará ao vivo na Coruña, ás 20.30 horas do día 31, o seu novo traballo,  Polvo de Battiato; e do artista local máis relevante da escena independente estatal e, sen dúbida, dun dos máis solventes e representativos da iberoamericana: Xoel López. O coruñés pechará o ciclo na noite do domingo 31, a partir das 22.30 horas, cun repertorio exclusivo que tamén incluirá temas do último disco, Si mi rayo te alcanzara (2020).

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada.

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.