Eu non nacín no Mediterráneo. Por @DulceCorcu

Todos e todas coñecemos a marabillosa canción de Joan Manuel Serrat onde reivindica con orgullo as súas orixes, a pequena patria que aniña en cada corazón e que por moi lonxe que vaiamos, sempre será o noso principal punto de partida e, innumerables veces, o lugar ao que volver. Por iso mesmo non son de estrañar as reaccións -mesmo institucionais- ao auto dunha xuíza marbellí onde argumenta que un dos motivos para retirarlle a custodia do seu fillo de apenas un ano a súa nai, é o seu entorno na «Galicia profunda». Probablemente un termo que xa pensabamos que non se empregaba e quedara relegado a outros tempos, pero que puxo en pé de indignación a todo un país que se sentíu un pouco como na canción de Serrat: orgulloso de seu e desposto a non deixar pasar tal ignominia.

Alén do clasismo que rezuma tal aprezación, o descoñecemento sobre o entorno galego é máis que notorio. Argumentar que un neno non pode ser feliz no rural ou en calquera das nosas vilas por non seren «cosmopolitas» é probablemente do máis paleto que poidamos escoitar. Provincianismo acomplexado de quen cre que vivir rodeado de coches, de semáforos, de rúas ateigadas e dun índice de delincuencia digno de figurar en calquera película de gánsteres, con bandas e mafias incluidas, é o «top» da felicidade. Porque en contra do que promulga na súa resolución, aquí tamén desfrutamos de colexios e hospitais públicos e privados, aos que desprazarse seguro que leva menos tempo do que se tarda en chegar vivindo nas grandes urbes, onde calquera desprazamento multiplica por dous coma mínimo a distancia estipulada. Nin sequera atopamos xa aquelas ringleiras de vacas que ás veces interrompían o paso e habías de agardar con paciencia a que se botaran á beira do camiño. Agora vas onde queres e sabes exactamente o tempo que tardarás en chegar, non por arte de maxia, senón porque ao ser tan poucos pois non nos atascamos no medio das estradas. É paradóxico que para esta xuíza vivir en Galicia sexa un inconviente e, sen embargo, sexamos un destino moi demandado polo turismo que busca calidade de vida, farto de altas temperaturas, de masificación e de saír pola porta e ver cada día caras irrecoñecibles. Moitos non só veranean, mercan vivendas e quedan en canto poden. Incluso traen aos seus fillos agora que se puxo de moda o teletraballo e poden manter a súa actividade profesional dende este periférico lugar. Non é unha nova realidade, pero si moito máis estendida dende o confinamento pandémico, que fixo caer na conta do saudable que é poder vivir rodeado de algo máis que catro paredes. Os prexuízos sacúdense viaxando ou informándose da realidade dun entorno moi próximo pero, non hai máis que velo, tremendamente descoñecido ou ignorado. Tanto como ese sentimento que de repente nos fixo decatarnos de que non naceramos no Mediterráneo e que lle íamos facer…Pois sentirnos profundamente galegos!

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada.

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.