Galicia, un bastión para as aves mariñas

O Centro de Extensión Universitaria e Divulgación Ambiental de Galicia (CEIDA) presenta os datos do seu proxecto Aves Ártabras sobre a situación das aves mariñas reprodutoras

O Centro de Extensión Universitaria e Divulgación Ambiental de Galicia (CEIDA) avanzou hoxe os datos do seu proxecto Aves Ártabras sobre a situación das aves reprodutoras no Golfo Ártabro. Os estudos do CEIDA reflicten que Galicia e, en especial esta zona da costa, converteuse nun bastión para algunhas especies de aves mariñas protexidas e vulnerables, que atoparon na comunidade galega un espazo para a cría.

Ademais deste censos para coñecer a situación e tamaño das poboacións reprodutoras, as investigacións do CEIDA incorporaron o seguimento mediante anelamento científico, a instalación de GPS ou o estudo de depredadores, que permitiu obter un gran coñecemento sobre o seu comportamento, movementos e tendencias poboacionais.

O descubrimento da gabita

Entre os datos que recolleron nas súas investigacións salientan o descubrimento por primeira vez no Golfo Ártabro dunha parella de gabita (ostrero en castelán) na Costa de Ares. Esta espectacular ave limícola é frecuente nas rías galegas, onde pasa o inverno un importante número de aves das poboacións europeas, mais a especie é moi escasa como reprodutora en Galicia.

A gabita está case totalmente ausente na Península Ibérica durante o verán, xa que actualmente so está presente como nidificante nunha pequena poboación do Delta do Ebro e nunha serie de pequenos illotes da Mariña lucense, Ría de Arousa e Cantábrico, onde se atopan un moi escaso número de parellas. Por este motivo está legalmente protexida, sendo unha especie considerada Vulnerable no Catálogo Galego de Especies Ameazadas.

No Golfo Ártabro sospeitábase da súa potencial cría a curto prazo pola cada vez maior presenza de exemplares durante o verán, ata que grazas ao proxecto se confirmou por primeira vez a cría dunha parella desta especie. Este descubrimento permite ampliar a súa escasa área de distribución coñecida, sumándose a ría de Ares-Betanzos ás poucas localidades galegas en cantábricas onde era ata o de agora coñecido, sumando así un novo valor ambiental a maiores ao espazo litoral do Golfo Ártabro.

Datos positivos de pardelas e corvos mariños

Entre os datos positivos do proxecto do CEIDA tamén se encontra a pardela cincenta, unha especie ameazada, presente únicamente en illas da Macaronesia, e que recentemente colonizou tres arquipélagos galegos: Cíes, Sisargas e Coelleira, nun proceso de expansión cara o norte poucas veces visto.

No marco deste proxecto realizouse o censo das poboacións presentes nas Sisargas e Coelleira, en cooperacion co proxecto Pardeles que a ONG SEO/BirdLife realiza co apoio da Fundación Biodiversidad do Ministerio para la Transición Ecológico y el Reto Demográfico. Puido comprobarse o bó estado destas pequenas colonias de cría, en fase de estabilización e crecemento e con aproximadamente unha vintena de parellas reprodutoras en cada unha delas.

Co obxectivo de coñecer as áreas de presenza desta especie no medio mariño e os seus movementos durante a súa época de presenza en Galicia, realizouse o seguimento de 5 exemplares de pardela mediante a colocación de dispositivos GPS de pequeno tamaño nos seus dorsos. O novedoso emprego destas novas tecnoloxías de seguimento de aves permite obter un importante coñecemento sobre a súa bioloxía e comportamento en alta mar, claves para avanzar na xestión dos nosos mares. “Observamos patróns moi interesantes no comportamento das aves durante o verán, comprobando que estas aves empregan durante o verán a totalidade da costa galega para a súa alimentación. Ademais, detectáronse viaxes espectaculares de mais dunha semana de duración e milleiros de kilómetros recorridos polo Océano Atlántico. Nunca ata o de agora se coñeceran con tanto detalle as viaxes das pardelas destas illas nin os seus datos poboacionais”, comenta Sergio París, técnico do CEIDA.

Outra especie considerada legalmente como Vulnerable, o corvo mariño cristado (cormorán moñudo en castelán), atopou na Costa Ártabra un escenario idílico para a súa reprodución. Censáronse un total de 296 parellas desta especie que segundo a súa tendencia poboacional cumpre criterios para ser considerada En Perigo de Extinción en Galicia. Esta cifra supón o 15% da poboación da especie na Península Ibérica, o que a convirte no principal valor ornitolóxico deste territorio, un bastión para a conservación da especie.

Estes datos cobran maior relevancia ao poñelos en contexto coa tendencia poboacional da especie en Galicia e España, onde nos últimos anos descendeu o número de parellas, mentres que no Golfo Ártabro aumentou nun 24%. Este dato reforza a preocupación pola evolución da especie na costa galega, xa que está a sufrir un descenso moi acusado que en parte vese compensado pola poboacion ártabra, a que presenta un mellor estado de saúde de toda a península e acada unha cada vez maior importancia para a conservación da especie.

Datos preocupantes doutras especies

Fai unhas semanas o CEIDA alertou da preocupante situación que vive a gaivota patiamarela na costa occidental da Coruña cun descenso do 70% na última década. Nas Illas Sisargas chegaron a acadarse as 13.000 parellas nos anos noventa, fronte ás menos de 3.000 da actualidade. Este descenso tamén se está a producir noutros lugares de Galicia, como no Parque Nacional das Illas Atlánticas de Galicia, onde é do 70%, igualmente.

Tampouco presenta bos datos o paiño europeo, a ave mariña máis pequena do mundo é toda unha completa descoñecida nas costas galegas. Esta ave peláxica, que cos seus apenas 30 g de peso pasa todo o ano en mar aberto, achégase á costa só para nidificar en pequenos illotes de moi difícil acceso, o que dificulta enormemente o coñecemento das súas poboacións e zonas de cría.

No proxecto Aves Ártabras estase a levar a cabo o maior esforzo realizado para o coñecemento do paíño europeo en Galicia, mediante un completo seguimento dos 4 illotes nos que nidifica no Golfo Ártabro (coñecéndose só 9 en toda Galicia). Na principal colonia de cría en Galicia, as Illas Gabeiras en Ferrol, estimábase a presenza de máis de 100 parellas reprodutoras, que serían preto do 75% da poboación galega. O proxecto desenvolvido polo CEIDA permitiu actualizar esta información, concluíndose que a poboación real actual é próxima ás 50 parellas, o que implica unha actualización á baixa moi acusada respecto da poboación que pensábamos que había en Galicia. No caso da Marola, illote de menor tamaño e cunha menor poboación, conclúese que hai unha estabilidade da poboación, con 5 parellas (similar ao detectado en anos anteriores).

Proxecto ARTABRO2

Estas investigacións enmárcanse na continuación do proxecto Aves Ártabras do CEIDA, unha iniciativa que busca a declaración dunha Zona de Especial Protección para as Aves (ZEPA) no Golfo Ártabro, mellorando o coñecemento científico das poboacións de aves mariñas presentes no Golfo Ártabro e as ZEPA mariñas da provincia da Coruña e propoñendo medidas de xestión integral que permitan compatibilizar a súa conservación coas actividades pesqueiras e litorais. Este proxecto tivo a súa primeira fase durante o ano 2019 e ten a súa continuación neste 2021, co apoio da Fundación Biodiversidad do Ministerio para la Transición Ecológica y el Reto Demográfico, a través do Programa Pleamar, cofinanciado polo FEMP.

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada.

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.