Impulso ao plan sociocultural, económico e de vivenda que revitalizará Os Mallos e a Sagrada Familia

O pleno do Concello da Coruña aprobou por unanimidade unha moción conxunta de cara a mellorar a calidade de vida e a seguridade destes dous barrios

A corporación aprobou hoxe na sesión plenaria e por unanimidade unha moción conxunta para impulsar un plan de rexeneración e revitalización nos barrios dos Mallos e a Sagrada Familia que atenderá a mellora do acceso á vivenda, da seguridade e dos espazos públicos e que fará fincapé nas persoas maiores, nas máis vulnerables e na mocidade.

O voceiro municipal, José Manuel Lage Tuñas, indicou que esta moción vai en sintonía cunha das prioridades do Goberno de Inés Rey que é “a procura do benestar da cidadanía dotando a todos os barrios de equipamentos básicos e servizos que redunden nunha mellor calidade de vida e unha maior seguridade”. Neste sentido, o Concello investiu máis de 28 millóns de euros nos barrios e a previsión é que de aquí a 2023 se dirixan un total de 87,5 millóns de euros a todos os distritos da cidade.

Fronte aos casos de ocupación ilegal de vivendas que se están a dar nos Mallos, o concelleiro indicou que non podemos fuxir do momento que estamos a vivir: “Hai cuestións ás que non lles podemos virar a cara”. Neste aspecto, lembrou que hai un ano a postura do Goberno local foi firme canto a invadir propiedades alleas: “Daquela dixen tolerancia cero coa ocupación porque cando hai unha ocupación hai un acto delitivo, pero non podemos quedar aí”. A realidade esixe, segundo o responsable municipal, a implicación de todas as administracións para establecer políticas públicas acordes coa situación: “O que non se pode facer é utilizar este tipo de situacións con fins partidistas”. Lage Tuñas sinalou a necesidade de abordar este problema desde unha perspectiva integral porque existen factores de política social e económica que inflúen nesta problemática.

Na moción inclúense melloras de accesibilidade e humanización destes dous barrios así como unha serie de actuacións conxuntas que incluirán a rehabilitación de edificios antigos e en mal estado e a dinamización de baixos baleiros, ademais de propulsar medidas que favorezan o acceso á vivenda. Proponse tamén a posta en marcha dun plan preventivo e de persecución da delicuencia coa presenza de policía de barrio, que detectará os puntos conflitivos e as ocupacións ilegais.

Por outro lado, as forzas coinciden na necesidade de captación de persoas residentes universitarias a través dunha oferta de vivenda de alugueiro e a mellora da conectividade cos campus en bus e carril bici. O benestar social da veciñanza é outra das liñas principais coa creación dun plan sociocultural co que lle dar máis cobertura á veciñanza, en especial, ás persoas maiores nos centros cívicos, así como eventos e actos culturais que fomenten a convivencia nos barrios.

Trátase de propiciar unha cooperación social e de reforzar o seguimento de casos de vulnerabilidade con programas para combater estas situacións de risco de pobreza e exclusión social. Para a mocidade, a corporación formula foros de participación para expresar as súas demandas e un punto do CMIX que lles asesore en cuestións de igualdade e non discriminación.

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.