Jorquera pide introducir nas ordenanzas a obriga de que “as persoas limpen os ouriños das súas mascotas nas rúas”

O portavoz do BNG en María Pita, Francisco Jorquera, coida que “xa é chegado o momento de o Goberno Local introducir nas ordenanzas do Concello a obriga de as persoas donas limparen con auga os ouriños das súas mascotas na vía pública”

Sobre este asunto, o BNG interpelou o Goberno Local no Pleno do pasado xoves por medio dun rogo.

“Son incontábeis as queixas de veciñas e veciños pola sucidade e os problemas de hixiene provocados polas feces e os ouriños de mascotas na vía pública”, afirma Francisco Jorquera. “Nada costa que os donos e donas de mascotas leven consigo unha botella de auga para limpar os ouriños. Porén, son poucas persoas as que o fan. A consecuencia é que moitas veces as beirarrúas e fachadas de edificios teñen restos de ouriños”.

A solución pasa por introducir nas ordenanzas a obrigatoriedade específica de que as persoas donas limpen con auga os ouriños, coa imposición das sancións correspondentes cando non cumprisen con esta obriga.

O BNG entende que o Goberno Local debe levar a cabo campañas de información e sensibilización para as persoas donas se responsabilizaren da limpeza dos espazos nos que as súas mascotas defecan ou ouriñan.

“Agardamos que o Goberno Local atenda o noso rogo do pasado xoves e modifique canto antes as ordenanzas. É o que esperan tamén moitas veciñas e veciños da nosa cidade”, conclúe Jorquera.

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.