Máis de 170 clubs de deporte base e afeccionado reciben axudas da Vicepresidencia da Deputación de Lugo

Medio cento de eventos deportivos contan con apoio económico a través desta convocatoria de concorrencia competitiva

Máis de 170 clubs de base e afeccionados recibirán as axudas de concorrencia competitiva convocadas pola Vicepresidencia da Deputación de Lugo para apoiar a actividade do tecido deportivo, cun investimento total de 500 mil euros.

Segundo se recolle na resolución provisional da convocatoria, publicada este mércores no BOP, os fondos chegarán a unha ampla variedade de disciplinas deportivas –fútbol, baloncesto, ciclismo, piragüismo, atletismo, ximnasia rítmica, patinaxe, triatlón, balonmán,natación, voleibol, waterpolo, bádmiton, tenis de mesa, padel, tenis, squash, karate, taekwondo, judo, kung fu, loitas olímpicas, tiro, surf, remo, xadrez, birlos, rugby ou pesca –  para atender diferentes gastos relacionados coa actividade competitiva dos clubs, desde  licenzas e dereitos de participación en competicións ata material, vestimenta deportiva ou transporte.

Ademais de contribuír ao mantemento da actividade ordinaria das entidades deportivas, a través desta convocatoria, a Vicepresidencia da Deputación apoia a organización de medio cento de eventos promovidos polo tecido deportivo.

O deputado de Deportes, Efrén Castro, remarcou  “a importancia destas achegas para os clubs de base e afeccionados, que dependen en grande medida destes recursos para manter a súa actividade, máis nestes últimos meses de incerteza pola situación sanitaria”.

O deputado nacionalista valorou “o traballo que desenvolven os clubs, facilitando o acceso ao deporte en todo o territorio, que é o obxectivo último destas axudas” e sinalou “a existencia dun tecido deportivo cada vez máis diverso que ofrece diferentes alternativas para realizar actividade física”.

Neste sentido, destacou  “o incremento de solicitudes de axudas para a organización de eventos, reflexo de que estamos a recuperar a normalidade e de que os clubs manteñen o dinamismo previo á pandemia”.

Na resolución das axudas, que oscilan entre os 300 e os 5.000 euros, tivéronse en conta os criterios fixados nas bases da convocatoria como o rendemento ou a incidencia social do club, o fomento da igualdade e a integración ou a localizacion, primándose aos de concellos con menos de mil habitantes.

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada.

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.