“Mulleres na memoria”, poesía e música polas represaliadas polo franquismo

Hit the Bit, Olalla Caamaño, Paloma Suanzes, Los Zorros e Clave de Fado presentarán as súas composicións nun concerto na Casa do Saber de Lugo o venres

A Vicepresidencia da Deputación de Lugo e a área de Cultura da USC organizan “Mulleres na memoria”, un proxecto que conxuga poesía e música para restaurar a memoria das mulleres asesinadas polo franquismo.

Tomando como referencia a publicación “Ámote vermella” (Xerais, 2009) de Claudio Rodríguez Fer, con poemas dedicados a mulleres represaliadas polo franquismo, propúxose a cinco músicos e grupos lucenses a composición de cadansúa peza.

Poeta e músicos traballaron conxuntamente a selección dos poemas e a documentación de contextualización de cada un deles, resultando un repertorio que se dará a coñecer os días 14 e 15, ás 20.30 horas, na Casa do Saber.

O xoves, Claudio Rodríguez Fer e Carmen Blanco ofrecerán o recital conferencia “Vivas en nós” no que abordarán o contido e orixe dos poemas de “Ámote vermella”, ofrecendo unha contextualización do proxecto. O venres, presentaranse as creacións artísticas que xurdiron da conxunción entre a poesía e a música.

Poemas e grupos

O grupo lucense Hit the Bit puxo música ao poema “A Juana Capdevielle” sobre a arquiveira e bibliotecaria Juana Capdevielle,  pioneira en campos intelectuais ligados á pedagoxía e asasinada en agosto do 36 en Rábade.

A compositora e cantante Olalla Caamaño, vocalista de grupos de música alternativa como Musel ou Las Palmeras e recoñecida como unha das mellores voces da escena galega, musicou  “Un tranvía chamado Ucrania”,  poema dedicado á profesora de piano e solfeo Urania Mella, moi implicada na defensa dos dereitos das mulleres, comezando moi cedo a ensinar e ler ás mulleres do barrio de Lavadores, en Vigo.

De Iria Estévez e Gonzalo Piña, membros fundadores do grupo lugués Clave de Fado, saíu a música para “Mulleres libres no monto”, un canto a todas as mulleres perseguidas polo franquismo polas súas ideas de cambio e progreso.

O grupo Los Zorros, cunha traxectoria ligada ás influencias do jazz, soul, folk,country e rock&roll, compuxo un tema sobre o poema “E aínda lle chaman comunista”, en memoria de Consuelo Alonso, vendedora de xornais en Monforte de Lemos fusilada  en maio do 38.

A cantautora folk Paloma Suanzes encargouse de musicar “As tres mapoulas de Montecubeiro”, poema escrito en memoria da traballadora Virxinia Meilán Varela e das mozas Carmen Sarille Lenceiro e Manuela Graña Rico, asasinadas en Montecubeiro, en Castroverde, en agosto do 37.

A vicepresidenta da Deputación de Lugo Maite Ferreiro explicou que “o proxecto retoma unha obra de referencia na restauración da memoria das mulleres represaliadas polo franquismo como é “Ámote vermella” de Claudio Rodríguez Fer, involucrando a novas xeracións de artistas e aos seus públicos”.

A responsabel de Cultura destacou que “a relevancia do traballo cultural e académico no ámbito da memoria histórica fronte a escaseza de iniciativas institucionais que se teñen desenvolvido neste ámbito” e valorou a “perspectiva de xénero coa que se abordou o proxecto, poñendo o foco nas mulleres dobremente esquecidas no relato a sublevación militar do 36 e da ditadura que se impuxo coa transición”.

Maite Ferreiro lembrou que “a iniciativa reforza a colaboración que vimos mantendo coa Universidade de Santiago, con financiamento para apoiar a actividade académica e investigadora do Campus Terra, e tamén con programacións conxuntas como o Lugo Cultural”.

Difusión dixital

Tras o concerto de presentación, a musicalización dos poemas gravarase en estudio para a súa difusión nas canles dixitais e redes sociais da Vicepresidencia da Deputación de Lugo.

“Mulleres na memoria” segue o formato de Proxecto Lorca, que se levou a cabo en 2020, propoñéndose naquel caso musicar os “Seis poemas galegos” do autor granadino, asesinado polo franquismo no 36.

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.