Narón acolle a medio centenar de persoas no XI Campionato de Tenis de Mesa pola saúde mental

No torneo, organizado pola asociación Saúde Mental Ferrol, Eume e Ortegal, participarán 30 xogadores procedentes de toda Galicia e celebrarase o 8 de outubro no Pavillón Campo da Serra

A asociación Saúde Mental Ferrol, Eume e Ortegal, en colaboración coa federación Saúde Mental FEAFES Galicia, celebra o vindeiro venres 8 de outubro o XI Campionato de Tenis de Mesa para persoas con problemas de saúde mental, coincidindo cos actos do Día Mundial da Saúde Mental, que este ano ten por lema: “A saúde mental: un dereito necesario. Mañá poder ser ti”. Trátase dun encontro lúdico e deportivo no que participarán catro asociacións galegas.

O torneo terá lugar no Pavillón Campo da Serra (Santa Cecilia, Narón) dende as 10:00, hora á que comezarán a chegar os xogadores, ata as 14:00, hora prevista de remate. Durante este tempo, desenvolveranse unha serie de partidos individuais nos que se enfrontarán 30 participantes. Tras a celebración do campionato, terá lugar a entrega de premios.

As persoas que participarán no torneo proveñen de distintos lugares da xeografía galega e pertencen a catro asociacións de Saúde Mental FEAFES Galicia: Alba (Pontevedra), Doa (Vigo e Cangas), Lenda (Redondela) e Saúde Mental Ferrol, Eume e Ortegal (Narón).

O Campionato de Tenis de Mesa ten como obxectivo promover o deporte en igualdade, impulsar a actividade física entre as persoas con problemas de saúde mental e loitar contra o estigma social que sofre este colectivo. A través deste torneo, Saúde Mental Ferrol, Eume e Ortegal amosa á sociedade a imaxe máis positiva da saúde mental, combatendo de modo activo os estereotipos negativos e os falsos prexuízos que se asocian a esta realidade.

As actividades de ocio e deportes que organizan Saúde Mental FEAFES Galicia e as súas asociacións axudan a mellorar a calidade de vida das persoas con problemas de saúde mental e das súas familias, pois os seus participantes rompen coa rutina diaria, realizan actividade física dende unha perspectiva lúdica, enriquécense culturalmente, socializan e intégranse na sociedade. Á súa vez, permiten un respiro aos familiares na súa tarefa de coidadores.

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.