O Auditorio Mar de Vigo acollerá máis de 30 variados espectáculos para todos no próximo trimestre

O alcalde presentou este luns a programación para os próximos meses, xunto ao responsable do Auditorio, Iñaki Teixeira, e o edil de Festas, Pablo Estévez. Destaca á volta ao recinto dos grandes musicais case dous anos despois, nunha oferta de estilos variados para públicos de todas as idades.

O Auditorio Mar de Vigo asómase paulatinamente á recuperación da normalidade tras a irrupción do Covid-19. Case que dous anos despois, o recinto da Avenida de Beiramar programa novamente grandes espectáculos como óperas, danza, concertos e eventos infantís, unha oferta ampla e diversa coa que o Concello de Vigo pretende chegar a todo tipo de públicos.

No hall do Mar de Vigo, o alcalde, Abel Caballero, foi o encargado de presentar este luns o cartel previsto para os próximos tres meses -desde esta fin de semana ata case que finais de xaneiro-, coa presenza do responsable do espazo, Iñaki Teixeira, e do concelleiro de Festas, Pablo Estévez. O espectáculo ‘El Gran Hotel de las Reinas’, ‘Recuérdame, el Musical de Coco’, a ópera ‘Madama Butterfly’, os concertos de Los Zigarros ou Mikel Erentxun, o ballet de ‘El Cascanueces’ ou ‘El lago de los cisnes’ atópanse entre as propostas máis relevantes. As entradas para estes eventos poden adquirirse a través de teuticket.com

Haberá variedade musical con soul, electrónica, indie e rock… O Bluefest dará o pistoletazo de saída esta fin de semana achegando un novo evento que ofrece a oportunidade de experimentar as diferentes formas de entender as músicas de raíz negra, o blues, soul, funk, rock…, que forman parte dun universo musical cargado de paixón e profundidade. Unha aposta para gozar da música na baía de Vigo, cun cartel formado por varios artistas no seu mellor momento: Myles Sanko, Zenet, Los Mambo Jambo e Koko-Jean & The Tonics.

Tras dous aprazamentos, o Sunset Beats de Vigo, chamado a ser o primeiro festival de música electrónica da cidade, celebrarase o vindeiro 30 de outubro coa actuación dun dos dúos máis representativos da electrónica, Digitalism.Na súa discografía contan con tres redondos traballos, ademais de numerosas remesturas para nomes como Daft Punk, Tiga, Klaxons, The White Stripes, Depeche Mode, Cut Copy, The Presets, Tom Vek e The Futureheads, entre outros.

A mediados de mes celebrarase unha nova edición do ciclo de concertos Momentos Alhambra Acustiquísimos. Será na súa Edición Atlántica 2021, os días 12 e 13 de novembro, cun gran cartel: Travis Birds e Mr. Kilombo. Serán dúas sesións irrepetibles, en formato íntimo e para público reducido, que servirán como carta de presentación das últimas novidades discográficas dos artistas. Ademais, estarán acompañados pola ilustradora Eva Agra, que plasmará sobre o papel cada actuación.

Xa en decembro, chegará unha das grandes propostas destinadas ao público rockeiro máis fiel. Los Zigarros son adrenalina, paixón e rock & roll. A banda valenciana traerá o 4 de decembro un potente directo acompañado de imaxe e actitude, confirmando que son materia obrigatoria de primeiro de r&r. E o 22 de xaneiro, Mikel Erentxun presentará ‘Amigos de Guardia’, unha homenaxe aos seus 35 anos de carreira no que quixo sacar un disco que reflicta todo o que sentiu. O artista revisita case catro décadas de cancións nun dobre disco que non é uns ‘grandes éxitos’, senón un disco de celebración no que atopar algunhas das súas mellores cancións, como En algún lugar’, a que considera que marcou a súa carreira.

Os musicais supoñen o retorno de eventos previa pandemia á liña de programación anterior á irrupción á pandemia. O 24 de outubro chega ‘Recuérdame, el Musical de Coco’, o primeiro musical tributo a unha das películas máis entrañables dos últimos anos ‘Coco’, a cal se inspirou na festividade mexicana do Día de Mortos e converteuse nunha das películas animadas máis taquillera da historia, ademais de conseguir dous Óscar: á mellor película animada e á mellor canción orixinal. directo. Un espectáculo para todos os públicos.

En novembro, ‘El Gran Hotel de las Reinas’, converterá o Auditorio Mar de Vigo os días 5 e 6 nunha experiencia de máis de dúas horas na que atoparemos música, lip sync, baile, humor, cabaret, looks espectaculares, interacción co público e moito talento. ​Con Supremme De Luxe como directora do hotel e sempre acompañada polo seu servizo de botóns, coa participación estelar da inigualable recepcionista Paca A Piraña e coas actuacións dos seus hóspedes. ​Un espectáculo Drag cheo de luxo e fantasía que non deixará indiferente a ninguén.

Nas vindeiras semanas se darán a coñecer máis eventos dentro da programación de Nadal por parte do Concello de Vigo e que este ano se inicia o 21 de novembro coa ópera ‘Madama Butterfly’, unha das pezas máis representadas e aclamadas polo público. O exotismo, a paixón, a espera e a honra están presentes ao longo de toda esta famosa ópera do famoso compositor italiano Giacomo Puccini. Este drama dividido en tres actos está ambientado na cidade de Nagasaki a principios do século XX e narra a traxedia dunha nova geisha xaponesa que vive unha historia de amor cun oficial americano.

A este título seguiralle, o 19 de decembro,, o regreso de ‘El Cascanueces’. Con esta obra, Tchaiskovsky creou en 1892 una das máis belas obras da danza universal. Un conto de fadas para todos os públicos representado polo Royal Russian Ballet. O seu argumento está baseado na adaptación que Alejandro Dumas pai realizou do conto. Con máis de 40 bailaríns en escena, un coidado vestiario e unha excelente coreográfica, dita peza é un clásico do Nadal que basea o seu argumento no recordo da infancia e o mundo dos soños. Temas que recolle no seu relato mediante unha máxica aventura onde os xoguetes dunha nena comezan a cobrar vida.

Alabama Góspel irrumpirán en dita programación navideña para facernos un percorrido intenso desde as cancións espirituais do século XIX, de profundas raíces relixiosas, ata unha homenaxe ás cancións de protesta e marchas pola liberdade. Unha agrupación formada por 20 artistas que plasman a historia do góspel nun concerto único o vindeiro 22 de decembro.

Pica Pica celebrarán con todas as familias o seu 10º Aniversario, presentando espectáculo ‘10 años de Pica Pica’, con temas novos e tamén os seus grandes éxitos aclamados polos máis pequenos -e non tan pequenos- da familia. 10 anos de moito amor cunha xira ininterrompida por España e Latinoamérica cunha cita imperdible o 23 de decembro en Vigo.

O Coro, ballet y orquesta del Ejército Ruso, son, a día de hoxe, máis de 100 cantantes, bailaríns e músicos que emocionan aos espectadores coa interpretación dunha gran variedade de cancións populares rusas. Un espectáculo de traxes coloridos, voces dramáticas, coreografías vívidas e enerxía desbordante forman parte deste inesquecible espectáculo que se poderá disfrutar o 26 de decembro, cuxas acrobacias e bailes reflicten a vida, as tradicións e a emoción de Rusia, un país que segue sendo un gran misterio para o resto do mundo.

Royal Russian Ballet poñerá en escena o gran ballet por excelencia o 8 de xaneiro! El lago de los cisnes, unha cativadora historia de amor, o virtuoso dobre papel de Odette / Odile, a forza da música de Tchaikovsky, e un dos máis grandes pas de deux do repertorio do ballet, converten esta obra nunha experiencia única. Con máis de 40 bailaríns en escena, esta suntuosa produción o Royal Russian Ballet captura toda a beleza e o drama do auténtico ballet romántico, un clásico atemporal que apela a calquera xeración

O musical “Antoine” foi un dos espectáculos revelación dos Premios Max, os máis prestixiosos da escena española, onde estivo nomeado como “Mellor espectáculo revelación” e “Mellor composición musical para espectáculo escénico”. Está pensado como unha historia para toda a familia, que narra a historia do creador do libro “El Principito”, e a unión entre o seu autor, Antoine de Saint- Exupéry, e o seu principal personaxe. “El Principito” É unha obra universal e proba da súa popularidade, é que é o segundo libro máis traducido no mundo. Estará no Auditorio Mar de Vigo os días, 29 e 30 de decembro e o 1 2 de xaneiro.

O Teatro Negro de Praga, é un espectáculo insólito que se presentará o 4 de xaneiro en Vigo. Un show que se basea en enganar ao ollo humano creando unha ilusión óptica, xogando con negro sobre negro, luces e cores. A pesar de que a orixe destas curiosas representacións remóntase na era imperial China, na República Checa revolucionouse e innovou a técnica convertendo ao Teatro Negro na función máis famosa da capital. E un último detalle, os espectáculos do Teatro Negro de Praga son mudos. Así é como a música de fondo cobra un gran protagonismo.

O 6 de xaneiro haberá unha cita con 3 xenios do cinema: Hans Zimmer, Ennio Morricone e John Williams. Un intenso percorrido por aquelas bandas sonoras que máis nos emocionaron. Melodías universais que nos fixeron rir, chorar, soñar, sufrir e saltar da butaca, que xa forman parte da memoria colectiva e que hoxe cobran vida propia fose das salas de proxección. A heroicidade de ‘Star Wars’, a audacia de ‘Indiana Jones’ e a maxia de ‘Harry Potter’ inspiraron a John Williams a crear algunhas das partituras de películas máis queridas de todos os tempos.

Carmina Burana, a obra máis famosa de Carl Orff, é un canto á vida, ao amor, ao baile…- pero sempre cun ollo posto nos designios do destino. Baseado en 24 poemas latinos medievais cuxo espírito despreocupado contrasta vivamente cos conceptos tradicionais da vida e a morte na Idade Media, esta cantata radical e potente para coro a gran escala, orquestra e solistas foi un gran éxito na súa estrea en 1937. A súa popularidade en todo o mundo desde entón converteuna nunha firme favorita a pechar a programación de Nadal o 23 de xaneiro. Irá acompañada da 9ª Sinfonía de Beethoven co seu inmortal Himno da Alegría.

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.