O BNG esixe explicacións á Xunta polas irregularidades na escola do centro de menores Santo Anxo de Rábade

A deputada do BNG, Olalla Rodil denunciou que «cinco rapaces deste centro permaneceron durante un mes sen escolarizar pola falta de profesorado»

O Bloque Nacionalista Galego levou ao Parlamento galego da man da súa deputada por Lugo, Olalla Rodil, a situación do ensino no centro de menores Santo Anxo de Rábade.

Olalla Rodil sinalou a falta de organización e de compromiso coas menores residentes neste centro no que «cinco rapaces de protección de menores permaneceron sen escolizar até un mes, feito que para o BNG é gravísimo e inadmisíbel» declarou a deputada.

Por isto, a formación nacionalista esixe á Xunta de Galiza que esclareza a través dunha investigación o acontecido no centro entre o mes de setembro e outubro, e que dirima responsabilidades deste feito grave que vulnera os dereitos fundamentais dos menores, como é o dereito á educación. Como tamén, a dotación de maneira inmediata dos medios necesarios para o correcto funcionamento do centro.

Rodil destacou a situación do Santo Anxo de Rábade «é unha irresponsabilidade por parte da Consellería de Educación que manteña un centro educativo sen profesorado suficiente, as persoas menores de idade contan con dereitos e deben ser garantidos polos poderes públicos».

Neste sentido, a parlamentaria do BNG afirmou que «a Xunta de Galiza incumpre coas súas obrigas e responsabilidades causándolles un enorme prexuízo ás persoas menores que desenvolven a súa vida neste centro».

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.