O Concello da Coruña pon unha vivenda ao servizo das familias con menores en tratamento oncolóxico

Inés Rey entregoulle hoxe as chaves á Asociación ASANOG como parte do compromiso do Goberno local co labor que prestan as entidades sociais

A alcaldesa da Coruña, Inés Rey, entregoulle esta mañá as chaves dunha vivenda situada na rolda de Outeiro a José María Fernández, presidente da Asociación de Axuda a Nenos Oncolóxicos de Galicia (ASANOG). A vivenda daralles servizo ás familias con menores que teñan que tratarse nos hospitais da cidade, o que lles evitará longos desprazamentos diarios ás familias e pacientes e facilitará o seu descanso. Esta iniciativa frutifica despois de que a alcaldesa adquirise este compromiso no programa solidario A Radio Conta.

ASANOG é unha entidade sen ánimo de lucro que naceu no ano 2012 a iniciativa dun grupo de familias de menores enfermos de cancro. A súa misión é contribuír a mellorar o estado desas nenas e nenos e das súas familias. Na actualidade, case un 40% dos novos casos de cancro en poboación infantil detectados en Galicia son diagnosticados no Hospital Materno Infantil Teresa Herrera da Coruña. Alí hai pacientes da área sanitaria da Coruña e Cee, pero tamén da de Ferrol e parte da provincia de Lugo.

“Hai menores que teñen que someterse a longos tratamentos na cidade. Moitas familias non poden pagar unha vivenda durante ese tempo, o que obriga ás familias e pacientes a longos desprazamentos diarios durante uns tratamentos nos que o repouso é esencial. Por iso decidimos dar este paso para lles axudar ás persoas en momentos especialmente duros para elas”, sinalou a alcaldesa Inés Rey, que estivo acompañada de Yoya Neira, concelleira de Igualdade e Benestar Social.

Este espazo municipal pasará a estar dispoñible para aquelas familias con nenas e nenos en tratamento oncolóxico na cidade que teñan dificultades para desprazarse diariamente ao hospital desde as súas localidades. Moitos destes/as menores sométense a tratamentos moi agresivos, polo que este piso servirá como refuxio durante esa etapa, tanto para as estancias ambulatorias como para os períodos máis longos.

A cesión desta vivenda a ASANOG contou tamén coa colaboración de Marineda City, que se encargou de amoblar e decorar o piso, e que estivo representada neste acto polo seu xerente, Roberto Vázquez. Tamén participou a artista Julia Ares, responsable do deseño da vaixela que se empregará na vivenda. ASANOG disporá deste espazo durante o próximo ano, coa posibilidade de ampliar esta estancia os tres seguintes.

Coa cesión desta vivenda a ASANOG o Concello da Coruña continúa amosando o seu firme compromiso coas entidades sociais e os seus proxectos na cidade. Foi o caso da cesión este mesmo ano do quiosco da praza de Ourense á Asociación Down Coruña, axudándolle á creación de emprego e á integración e contribuíndo, ademais, a recuperar un espazo emblemático.

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.