O Consello de Seguridade Nuclear esixe á Xunta un estudo radiolóxico da mina San Finx

Xunta e empresa mineira levan máis dunha década incumprindo a normativa de seguridade radiolóxica. A presenza de uranio supón un potencial risco de radiación ionizante

O Consello de Seguridade Nuclear (CSN, organismo competente a nivel estatal en materia de seguridade nuclear e protección radiolóxica) acaba de dirixir un requirimento á Directora Xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais da Xunta, Paula Urías, para que lle remita un estudo radiolóxico sobre a mina de San Finx, en Lousame.

A pesar de tratarse dunha mina de estaño e volframio, un estudo recente da Universidade de Oviedo demostrou a presenza de uraninita, o mineral do uranio. Ecoloxistas en Acción remitiu no seu día este estudo tanto á Xunta como ao Consello de Seguridade Nuclear, mais o departamento que dirixe Paula Urías nada fixo ao respecto.

A Directora de Protección Radiolóxica do CSN alertou tamén á Xunta que está incumprindo o regulamento de protección sanitaria contra as radiacións ionizantes, aprobado en 2001. A pesar de que o regulamento establece que a minería subterránea e a producción de estaño están suxeitos á presentación de declaracións sobre a exposición dos traballadores e do público á radiación e á elaboración dos correspondentes estudos radiolóxicos, a Xunta en ningún momento esixiu estas actuacións, nin cando aprobou o proxecto de explotación da mina en 2009 nin cando esta reiniciou a actividade en 2015 da man da actual concesionaria Valoriza Minería (filial do Grupo Sacyr).

Comunicación completa da CSN

Riscos para os traballadores e a poboación

Logo de que no ano 2009 se puxera en funcionamento a mina en ausencia de avaliación de impacto ambiental, a mina estivo en actividade ata 2013, e máis tarde entre 2015 e 2018. Descoñécese o número exacto de traballadores que puideron verse expostos a potenciais radiacións ionizantes derivadas da presenza de uranio, mais desde Ecoloxistas en Acción calculan que poden ser unhas 30 persoas, considerando que o proxecto de explotación vixente contempla un cadro de 12 traballadores.

Para a organización ecoloxista, o feito de que tanto empresa como a Xunta incumpriran durante máis dunha década a lexislación en materia de protección radiolóxica evidencia a absoluta falta de preocupación pola saúde das persoas. En palabras do representante da organización Cristóbal López, “este xeito de proceder, nun asunto no que existen riscos evidentes para a saúde pública, amosa unha falta de transparencia que só beneficia á empresa concesionaria. Algo se esconde na política mineira da Xunta de Galicia”.

A empresa concesionaria, Tungsten San Finx SL, é coñecida polo seu negacionismo ante os problemas de saúde laborais. Esta empresa xunto coa da mina de Touro, a Cámara Oficial Mineira de Galicia e a Asociación Galega de Áridos (ARIGAL), tentaron impedir recentemente unha modificación da lexislación sobre doenzas profesionais para que esta non incluíse o cancro de pulmón por exposición ao pó de sílice como tal. A empresa alegara indicando que a inclusión do cancro de pulmón por exposición ao pó de sílice cristalina como doenza profesional supoñía “imponer a las empresas españolas cargas injustificadas”, pretendendo que para recoñecer o cancro de pulmón por exposición á sílice, os pacientes deberían ter que padecer previamente silicose, en contra da evidencia científica actual. As alegacións foron desbotadas por un dictame do Consello de Estado.

Algo se esconde

Co obxectivo de denunciar a falta de transparencia da Xunta de Galicia na autorización de proxectos mineiros altamente contaminantes por todo o país, Ecoloxistas en Acción comezou a campaña “Algo se Esconde”. Só nos últimos anos, a Xunta aprobou proxectos para minas que non foron sometidas a avaliación ambiental, negou a personación no proceso de autorización tanto a organizacións ecoloxistas como a veciños e agochou información fundamental sobre os expedientes, que debería ser pública.

Ecoloxistas en Acción

Ecologistas en Acción é unha confederación de máis de 300 grupos ecoloxistas distribuídos por cidades, vilas e aldeas de todo o Estado español. Ecoloxistas en Acción Galiza é a federación da entidade nesta comunidade autónoma.

Para avanzar na transformación do modelo de consumo e enfrontar os problemas medioambientais causados pola globalización, realizan campañas de sensibilización, denuncias públicas ou legais contra aquelas actuacións que danan o medio ambiente, ao tempo que elaboran e promoven alternativas concretas e viables de xestión sostíble dos recursos.

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada.

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.