O convento das Donas de Betanzos converterase nun centro social

As obras crearán dúas salas de uso múltiple que acollerán actividades de lecer, estudo, exposicións e zonas de convivencia

A Deputación da Coruña e o Concello de Betanzos suman forzas para rehabilitar o convento das Donas e convertelo en centro sociocultural para a veciñanza do municipio. As actuacións contan cun orzamento total de 383.949 euros, dos que o ente provincial aportará preto do 50% (178.184 euros), mentres que o restante será achegado polo Consistorio. As actuacións atópanse en fase de licitación e poderán presentarse propostas ata o 18 de outubro.

O considerado como edificio máis antigo de Betanzos contará cunha nova vida a partir dos traballos de reconstrución, cos que se busca volver  situar a infraestrutura como espazo de referencia, valor do que gozou no seu tempo. O presidente da Deputación da Coruña, Valentín González Formoso, destacou que con esta intervención “seguimos a devolver espazos á veciñanza para o seu uso e disfrute público, ao mesmo tempo que recuperamos unha construción histórica para poñer en relevo o seu valor monumental e cultural”. Pola súa banda a alcaldesa de Betanzos, María Barral, informou que con este proxecto intentarase “devolverlle a vida a unha peza singular, o dereito a ser usado e entendido como espazo público”.

As obras permitirán crear un centro sociocultural con dúas salas de uso múltiple que acollerán actividades de lecer, estudo, exposicións e zonas de convivencia. Así pois, as tarefas rehabilitarán o corpo principal como espazo único, amplo, de uso colectivo, favorecendo a accesibilidade para todas as persoas.

Deste modo, consolidaranse os muros e confeccionarase a cuberta ca volumetría orixinal. Esta sala única contará con dous accesos, un exterior, desde o patio, e outro de nova apertura desde unha antesala.  Os labores conservarán como lembranza dunha época recente o azulexado de pezas hidráulicas que reflicten o uso doméstico que tivo nas derradeiras décadas o lugar. Por último, reporanse as trabes de forxado intermedio na cota do forxado interior.

Dentro das medidas integraranse e restauraranse os muros do perímetro, que hoxe constitúen un patio, poñendo en valor os arcos como elementos singurales. O do muro Norte recuperarase para poder valer como entrada, tal e como foi orixinariamente, e o do sur quedará como acceso alternativo á sala de nova creación.

Dentro da proposta configurarase un patio, recuperando a idea orixinal do conxunto. Este contará con dous espazos: unha antesala de chegada, onde se situarán os servizos, instalacións, armarios, futuros paneis informativos e calquera outro elemento que indique e invite a participar nas actividades que se leven a cabo na infraestrutura, e unha sala de usos múltiples para ser utilizada como espazo de reunións, charlas ou actividades lúdicas para todos os públicos. Esta peza estará definida polo muro existente e un peche acristalado que delimitará o patio. A contorna do monumento tamén será protagonista de diferentes actuacións que permitirán integrar o renovado edificio na zona. O prazo de execución das actuacións estímase nun total de doce meses.

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada.

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.