O Grupo Municipal do BNG en Lugo reúnese para comezar a traballar nos orzamentos 2022

Rubén Arroxo: «Avanzaremos nas liñas de traballo que puxemos en marcha nos últimos anos, a mellora da seguridade viaria e a humanización da cidade»

O Grupo Municipal do BNG no Concello de Lugo vén de manter unha xuntanza para comezar a planificación dos orzamentos do 2022. Arroxo explicou que «no vindeiro ano continuaremos a traballar nas liñas que comezamos desde a nosa chegada ao goberno, mellorando a cidade con proxectos que continúen a transformar Lugo e facela unha cidade referencial nas distintas áreas nas que temos responsabilidades».

A área de Mobilidade e Infraestruturas, dirixida polo Tenente Alcalde e con Alexandre Penas ao cargo da concellería de Infraestruturas Urbanas avanzará na mellora dos espazos públicos. «Continuaremos co mantemento das zonas urbanas e periurbanas da cidade, entre o que se atopan cuestións importantes para a veciñanza como as reparacións das rúas e proxectos de máis peso para a transformación da cidade como avanzar na peonalización da Ronda da Muralla e gañar espazos peonís nos distintos barrios«, explicou Arroxo.

A área de Cultura, Turismo e Promoción da Lingua, da que é responsábel Maite Ferreiro continuará a facer unha programación cultural de calidade, continuando con actividades culturais continuadas durante todo o ano e dando peso a todo o tecido cultural e asociativo de Lugo. Rubén Arroxo afirmou que «no 2022 continuaremos a achegar a Lugo propostas culturais de calidade demostrada con premios a nivel galego, estatal e internacional«.

No tocante á concellería de Educación e Difusión do Coñecemento, dirixida por Felipe Rivas, desde a Tenencia de Alcaldía márcase como obxectivo manter o bo ritmo de traballo en cuestións como as axudas para libros de texto e material escolar, «unha axuda que anualmente permite a moitas familias que as súas fillas e fillos poidan ter o material necesario para asistir ao colexio, independentemente do seu nivel adquisitivo«. A concellería de Educación poñerá en marcha novas iniciativas continuando co traballo iniciado nos últimos meses.

A área de Participación e Servizos para a Veciñanza, dirixida por Cristina López, continuará a traballar na praza de Abastos e no Mercado Municipal, «dous espazos históricos da cidade que contan xa cun entorno completamente renovado», lembrou Rubén Arroxo, que anunciou que «no vindeiro ano agardamos poñer en marcha un espazo no Cemiterio Municipal para que as veciñas e veciños poidan levar as súas mascotas«.

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada.

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.