O Museo de Lugo recibe en doazón dúas obras do pintor Luis Gómez Pacios

Trátase de dous cadros de distintas técnicas e características. Un óleo sobre lenzo de 63,4 x 47,4 cm, que representa un ramo de mimosas en flor nun floreiro de cerámica xunto a dous libros colocados aos pés do recipiente, e unha acuarela sobre papel de 56 x 41,8 cm, que mostra unha paisaxe rural cun pequeno núcleo de poboación, os campos da contorna, nun deles coa herba seca amontoada en medas ou palleiros, e un hórreo tradicional en primeiro plano á dereita.

Luís Gómez Pacios, artista polifacético, prolífico e inquieto, nacido en Lugo en 1925 e falecido nesta cidade en 1983, compaxinou a súa actividade creativa co ensino artístico e o seu posto de traballo no propio Museo de Lugo, institución na que desempeñou variadas tarefas desde mediados dos anos 50.

As dúas obras doadas pola familia Veiga Veiga pasarán a formar parte da colección de obras do artista que se conserva no Museo Provincial, integrada ata a data por 12 obras de pintura, debuxo e gravado e 2 pezas escultóricas.

Actualmente, na colección permanente do museo, na sección de arte galega (SALA 14 – Figuracións e abstraccións), está exposto ao público o cadro de Pacios titulado “O pintor e o seu mundo”, un óleo de 1954 que representa a Blas Lourés, outro recoñecido pintor lucense.

Na obra de Pacios predomina a temática costumista, en particular a galega. Alternou a súa dedicación á figura, o retrato, a paisaxe, o bodegón. Experimentou con diversas técnicas e materiais, tanto é así que ao observar a súa traxectoria apréciase a pluralidade de estilos e recursos que abordou nos seus traballos.

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.