O programa de showcookings no Fórum Gastronómico de Barcelona remata con gastronomía procedente da ría de Muros e Noia e de Moeche

O programa de showcookings da Deputación no Fórum rematou na xornada de hoxe cunha degustación ofrecida, na sesión da mañá, por Pepe Senande da Muradana de Muros, Montserrat Santos de Casa do Tella de Portosín, Manuel Abelleira de Casa Abelleira de Ames e Manuel Pérez de Casa do Selmo de Urdilde e, na sesión da tarde, por Paco Moar de Casa Pena de Moeche.

O programa de showcookings co que a área de Turismo da Deputación da Coruña participou no Fórum Gastronómico de Barcelona rematou na xornada de hoxe con degustacións ofrecidas por Pepe Senande da Muradana de Muros, Montserrat Santos de Casa do Tella de Portosín, Manuel Pérez de Casa do Selmo de Urdilde, Manuel Abelleira de Casa Abelleira de Ames e Paco Moar de Casa Pena de Moeche.

Durante os tres días de Fórum, a Deputación da Coruña ofreceu un programa con seis showcookings a cargo de cociñeiros e cociñeiras representativos dos xeodestinos da provincia que esgotaron todas as prazas para participar e que suscitaron un gran interese tanto entre o público xeralista como entre medios de comunicación e plataformas especializadas. Neste contexto, o vicepresidente da Deputación e responsable da área de Turismo, Xosé Regueira asegura que “esta Feira non só demostrou o interese pola gastronomía galega senón que estamos vendo que o público se sorprende coa esta nova maneira de facer alta cociña, ligando o produto ao territorio e introducindo parámetros de sustentabilidade”.

Xosé Regueira indica, ademais, que “a posta en valor da gastronomía de alto nivel é a estratexia axeitada para atraer un perfil turístico que deixe maior retorno na provincia e pensamos que, precisamente, este ano e medio que queda de Xacobeo é unha moi boa oportunidade para coidar a oferta gastronómica que se ofrece nas áreas da periferia do Camiño para que non se desvirtúe o traballo dos e das profesionais que están coidando a súa oferta, respectando a trazabilidade do produto, mirando a cadea de valor e facendo o seu traballo con parámetros de calidade e de sustentabilidade”.

Na sesión desta mañá, o showcooking correu a cargo dunha delegación de cociñeiros e cociñeiras da zona da Ría de Muros e Noia, composta por Pepe Senande da Muradana (Muros), Montserrat Santos de Casa do Tella (Portosín) e Manuel Pérez de Casa do Selmo (Urdilde). Na degustación ofreceron ceviche de xarda azul de Portosín, xouba mariñada con soplete, chicharróns, berberechos de Noia en tempura e berberechos de Noia ao natural. Na sesión da tarde, o showcooking correu a cargo do cociñeiro Paco Moar de Casa Pena (Moeche), que baixo o epígafre “Unha esquina esquecida” ofreceu tres receitas: cocochas de merluza e grelos; un prato de fabas e berberechos; e chuleta e pedra.

Ao igual que os cociñeiros e cociñeiras que participaron nas degustacións dos dous días anteriores, nesta xornada tamén se vincularon as receitas e os produtos empregados para elaboralas cos topónimos e lugares concretos de procedencia. Así, a través do programa de showcookings da Deputación da Coruña o público do Fórum coñeceu o peixe e marisco procedente de Portosín, Laxe ou Malpica, produtos da hora das Mariñas Coruñesas e Terras do Mandeo, pataca fina de Carballo, grelo de Anxeriz, ou faba de Cabana. Todas as explicacións incluíron referencias á forma de traballar tanto no mar como na horta, a produtores e produtoras locais poñendo en valor a producións de proximidade, e mesmo a referencias históricas como a existencia en Betanzos, durante o século XIX, de fábricas de elaboración de cacao.

Convén lembrar que o showcooking que abriu a programación da Deptuación da Coruña correu a cargo de Iván Domínguez do restaurante NaDo (A Coruña) na Sala Ágora, o espazo do Fórum reservado para os cociñeiros máis representativos. O programa continuou con Rocío Martínez do restaurante Pementa Rosa (Carballo), con Lolo Mosteiro e Paula Martínez de A Artesa da Moza Crecha (Betanzos), Pepe Senande da Muradana (Muros), Montserrat Santos de Casa do Tella (Portosín), Manuel Pérez de Casa do Selmo (Urdilde), Manuel Abelleira de Casa Abelleira (Ames) e con Paco Moar de Casa Pena (Moeche).

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *