O sector apícola lucense recibe as axudas para mellorar produción e comercialización

O delegado territorial de Lugo, Javier Arias, explicou que se concederon axudas para apoiar medidas contra as enfermidades das colmeas, repoboación da cabana apícola ou asistencia técnica por parte das agrupacións de produtores, entre outras
A Consellería do Medio Rural achegará 256.000 euros aos apicultores da provincia de Lugo a través da orde de axudas para mellorar a produción e comercialización dos produtos da apicultura.
O delegado territorial da Xunta, Javier Arias, explicou que a convocatoria vai destinada a particulares titulares de explotacións apícolas, cooperativas, organizacións representativas e asociacións de apicultores con personalidade xurídica propia. En Lugo recibirán estes apoios a Asociación Provincial Lucense de Apicultura, Mieles Anta, Pazo de Lusío, Gosto Produtores e un particular.
Ademais, entre os beneficiarios hai asociacións a nivel galego que tamén agrupan a produtores da provincia de Lugo. O Diario Oficial de Galicia (DOG) publica todos os detalles da resolución, que no conxunto da Comunidade distribuirá 1,3 millóns de euros entre 24 adxudicatarios, sendo o total de apicultores beneficiados por estas axudas de 1.949, 514 deles da provincia de Lugo.
Con estas axudas, a Xunta financia seis liñas de actuación: asistencia técnica e persoal de administración, así como cursos ou xornadas e actividades divulgativas (só para agrupacións de apicultores); loita contra as agresións e enfermidades das colmeas; racionalización da transhumancia; medidas de apoio aos laboratorios de análise de produtos apícolas para axudar ás persoas apicultoras a comercializar e valorizar os seus produtos; repoboación da cabana apícola e seguimento de mercado.
Como novidade, este ano apóiase a adquisición de métodos para a captura, eliminación e control da avespa velutina, tanto a compra de trampas e atraentes como de fondos sanitarios, reixas excluíntes ou sistemas de protección mediante redes, entre outros
Na concesión das axudas priorizáronse aspectos como a dimensión das explotacións ou a pertenza á IXP Mel de Galicia. Tamén se valorou que as explotacións solicitantes ostentasen titularidade compartida ou a cargo de persoas mozas, que as colmeas se atopasen en zonas desfavorecidas ou que estivesen rexistradas no Consello Regulador de Agricultura Ecolóxica de Galicia (Craega), entre outras cuestións.