Primarias PSdeG. Gonzalo Caballero. «Eu sempre salto ao campo para gañar o partido; outros saen a meter goles en propia»

Gonzalo Caballero prosegue hoxe os seus encontros coa militancia socialista con sendos actos en Noia e Monforte.
«Cada día atopo máis ilusión entre os compañeiros e as compañeiras. Cada día somos máis os e as que queremos seguir avanzando pola esquerda e non retroceder», destacou Gonzalo Caballero.
Nese senso, subliñou o aumento da mobilización a medida que pasan os días. «Hai unha mobilización crecente da militancia socialista para apostar polo único proxecto gañador contra a dereita», recalcou, consciente de que «cada día máis militantes» se están activando e «cargando as pilas» de cara ao 30 de outubro.
E é que, como dixo Gonzalo Caballero, o que el encabeza é «un proxecto para gañar dentro, coa militancia, e gañar fóra, coa cidadanía».
De feito, asegurou que «eu sempre salto ao campo para gañar o partido» e, seguindo co símil futbolístico, evidenciou que «outros saen a meter goles en propia».
Por iso, Gonzalo Caballero pediu o apoio maioritario da militancia socialista de cara ás primarias do vindeiro día 30. «Todos os votos valen o mesmo e xogámonos seguir avanzando coa militancia e pola esquerda ou retroceder», finalizou.