Valentín G. Formoso entregou hoxe en Santiago os avais da súa candidatura. «Non hai que terlle medo ás primarias, dan voz á militancia para decidir o futuro do partido».

Valentín González Formoso entregou hoxe en Santiago de Compostela, na sede do PSdeG-PSOE da rúa do Pino, os avais da súa candidatura á Secretaría Xeral do partido e anunciou o seu primeiro compromiso como candidato para que o proceso de Primarias «se faga co tempo suficiente para facilitar a participación da militancia e para que calquera compañeira ou compañeiro que queira presentarse poida facelo».

«En democracia non se poden facer Primarias á medida», denuncia González Formoso, que lembra que «se fose pola actual dirección do PSdeG terían sido o 26 de setembro e habería só un candidato». «Por sorte, o PSOE ten órganos que garante a participación democrática da militancia, algo que está no ADN do socialismo», afirmou.

Neste sentido, o candidato cree que «non hai que ter medo ás Primarias, son unha ferramenta democrática que dá voz á militancia para que decida o futuro do partido fronte aos dedazos doutras agrupacións políticas» e incidiu en que fará unha campaña «en positivo, «baseada en ideas e propostas, sen entrar en confrontacións persoais que carecen de sentido porque todos somos compañeiros, todas e todos somos socialistas e queremos o mellor para o futuro do socialismo en Galicia».

Entrega do máximo de avais permitidos

Valentín González Formoso rexistrou hoxe o máximo de avais permitido polos órganos do partido para o proceso de Primarias á Secretaría Xeral do PSdeG-PSOE, que suman un total de 408, o que supón o 4% do censo de militantes socialistas en Galicia. Aínda así, o número de avais recollidos polo candidato supera amplamente esa cifra. «Isto permítenos detectar que hai un importante caudal de simpatía, apoio e confianza depositado na nosa candidatura, o que tamén estamos vendo nos encontros coa militancia en todos e cada un dos recunchos de Galicia aos que nos achegamos».

Formoso agradeceu a «todos e todas, a cada un dos militantes que avalou coa súa firma esta candidatura, a súa confianza. «É un primeiro paso para que o día 30 de outubro poidamos elixir democraticamente que modelo de PSdeG queremos para o futuro», afirmou.

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.