Tanxugueiras achegará ao Womex de Porto e á Fira Mediterrània de Manresa o seu novo espectáculo

As cantareiras tamén actuarán no EXIB de Setúbal e na Trovam de Castellón; pero antes visitarán o 12 de outubro o San Froilán de Lugo, do que xa están as entradas esgotadas. Nos vindeiros días o trío dará a coñecer os detalles dos últimos concertos que ofrecerá en Galicia neste 2021 e novas colaboracións con artistas do ámbito estatal

Tanxugueiras amplía o seu calendario de actuacións para os meses de outubro e novembro coa participación en catro das feiras musicais máis relevantes do momento: Fira Mediterrània, Womex, EXIB e Trovam serán as novas paradas do trío conformado por Olaia Maneiro, Aida Tarrío e Sabela Maneiro. As dúas primeiras vivirán a estrea estatal e internacional, respectivamente, dun avance do novo espectáculo do grupo, que se poderá gozar no 2022, e que inclúe éxitos como Midas ou Figa, entre outras novidades.

A primeira parada será o 16 de outubro na Fira Mediterrània de Manresa, un dos grandes eventos da música de raíz. Á semana seguinte, as cantareiras viaxarán a Setúbal para participar no EXIB Música 2021, que terá lugar do 20 ao 22 de outubro. Serán as únicas representantes de Galicia nesta cita profesional. O país veciño será tamén o escenario, uns días despois, da estrea internacional do seu novo espectáculo: Tanxugueiras participará no Womex, o encontro profesional de músicas do mundo máis relevante a nivel internacional, e que terá lugar na cidade de Porto do 27 ao 31 de outubro. Finalmente, o 5 de novembro, o grupo visitará Castellón para dar boa conta da súa música na Fira Trovam, cuxas entradas están á venda desde esta semana.

No ámbito galego, Tanxugueiras continúa a espallar a Xira Contrapunto (a presentación ao vivo do seu segundo disco). A vindeira actuación das pandeireteiras será nas Festas do San Froilán de Lugo o martes 12 de outubro e as entradas xa están esgotadas, tal e como está a acontecer en todos os últimos concertos que o trío está a ofrecer polo territorio (Arzúa, Porriño, Ponteareas, Teo…). De cara ao mes de novembro, celebraranse os últimos concertos deste ano (coma é no caso de Tui o 19 de novembro, entre outras citas), e que o grupo anunciará con detalle nos vindeiros días na súa web oficial, así como nos seus perfís oficiais as redes sociais Twitter, Facebook e Instagram. Xunto a estas datas, Tanxugueiras tamén dará a coñecer algunha das novas colaboracións que está a realizar con artistas de ámbito estatal.

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada.

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.