‘Toponimízate’ chega este venres a Outeiro de Rei

O coordinador da unidade técnica da Real Academia Galega imparte este venres, 15 de outubro, unha charla na Casa da Cultura de Outeiro de Rei no marco do programa que coordina a institución

Outeiro de Rei acolle este venres, 15 de outubro, unha nova sesión da campaña Toponimízate. Falásmoche dos nomes da túa terra. O coordinador da unidade técnica de toponimia da Real Academia Galega, Vicente Feijoo, impartirá ás 19:00 horas na Casa da Cultura unha charla sobre o funcionamento da aplicación colaborativa Galicia Nomeada e a orixe e o significado dos topónimos deste municipio lugués.

O percorrido pola orixe e o significado dos nomes de Outeiro de Rei co que Vicente Feijoo pechará a súa intervención conta coa colaboración do académico correspondente e profesor da Universidade de Vigo Gonzalo Navaza, membro do Seminario de Onomástica da RAG. Antes, ofrecerá unha aproximación á riqueza toponímica de Galicia e explicará o funcionamento da aplicación Galicia Nomeada, coa que a veciñanza pode engadir na plataforma os microtopónimos que coñeza, nomes tradicionais de veigas, chousas, leiras, devesas, fontes ou penedos que constitúen un patrimonio inmaterial único.

Galicia Nomeada conta xa, dende a súa posta en marcha en decembro de 2019, con máis de 2.200 usuarios colaboradores que compartiron preto de 31.000 nomes de lugares. As sesións de Toponimízate permiten tamén coñecer as utilidades prácticas para a administración pública, o mundo da investigación e para a sociedade en xeral desta información cultural unha vez xeorreferenciada e normativizada.

Toponimízate. Falámosche dos nomes da túa terra é unha campaña coordinada pola Real Academia Galega co apoio da Xunta de Galicia. O programa deste outono ofrecerá charlas en oito concellos e, por primeira vez, parte da oferta será en liña.

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada.

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.