Valentín González Formoso aposta por un PSdeG ‘con espírito gañador, que volva a ser o vehículo das ilusións dos galegos e as galegas»

Un PSdeG «con espírito gañador, que volva a ser o vehículo das ilusións dos galegos e as galegas» é a firme aposta do proxecto que encabeza Valentín González Formoso para a Secretaría Xeral do partido, referendada nos encontros que está a manter coa militancia do país «no escaso tempo de marxe que nos dan» e nos que está a percibir «a clara empatía polo noso modelo, que comparten as preocupacións que estamos poñendo enriba da mesa e que as propostas que facemos ilusionan».
Formoso, que fai un balance «moi positivo» do que vai de campaña, quixo facer tamén un chamamento á «participación masiva» nas Primarias do próximo día 30 de outubro para «recuperar, entre todos, a ilusión e a esperanza no partido e poñer o mellor de nós, do talento que agroma no PSdeG, ao servizo de Galicia».
«Nos encontros coa militancia percibimos a clara empatía polo noso proxecto, que comparten as preocupacións que estamos poñendo enriba da mesa e que as propostas que facemos ilusionan»
Neste sentido, unha das propostas que o candidato á Secretaria Xeral do PSdeG inclúe nas súas dez medidas para sumar e avanzar é o compromiso de que elaborará unha Carta de Servizos á Cidadanía a implementar na Xunta de Galicia cando o PSdeG goberne, e que previamente se presentará no Parlamento de Galicia. Ademáis, porá en marcha unha Mesa de Análise para elaborar unha proposta sobre o ‘Novo modelo de financiación autonómica’, que deberá ter como eixo vertebrador da mesma a defensa dos intereses de Galicia no marco do diálogo co goberno de España.