Valentín González Formoso envía unha carta á militancia chamando á participación masiva nas Primarias do sábado para «relanzar o proxecto socialista en Galicia»

Valentín González Formoso enviou hoxe unha CARTA dirixida a todos e cada un dos compañeiros e compañeiras militantes do PSdeG-PSOE na que explica que se decidiu a «dar o paso para presentarme a estas primarias co obxectivo de que recuperemos a ilusión, o orgullo e a esperanza de ser a alternativa política en Galicia» e chama á participación masiva nas Primarias do sábado 30 de outubro «para relanzar o proxecto socialista en Galicia.

O candidato á Secretaría Xeral do PSdeG-PSOE pide o apoio da militancia para liderar «un novo PSdeG no que todos e todas teñamos voz e que nos leve a gañar as eleccións autonómicas» e lembra que «vimos de celebrar en Valencia o que foi o congreso da unidade e da reactivación do ideario socialista e agora, en Galicia, tamén debemos traballar en prol da unidade porque neste partido todas as persoas somos necesarias. Temos que ser capaces de sumar dentro para gañar fóra».

Formoso aposta por un PSdeG que non se resigne a «ser o furgón de cola da política galega» e teña «a ambición de gañar as eleccións en Galicia para transformar a vida das persoas, sendo un instrumento útil para a sociedade». «O PSOE foi sempre o partido dos dereitos, das liberdades e dos avances sociais», lembra.

«Chegou o momento de sumar. Sumar para avanzar. Facer un partido forte no que todos e todas teñamos algo que dicir. É preciso que fortalezamos o noso partido, que recuperemos o pulso da sociedade. Por iso propoño que fagamos unha conferencia política que relance o noso proxecto», apela.

González Formoso subliña nesta carta a importancia de respectar os procesos internos de participación «para que toda a militancia teña voz e poida ser escoitada» e para iso propón que «os procesos de primarias sexan convocados con tempo suficiente para que ninguén poda facer primarias a medida e que os e as militantes que queiran dar un paso, o podan facer con todas as garantías». «As primarias non nos poden dar medo, ao contrario, debemos vivilas con normalidade e como unha oportunidade de fortalecer o partido», argumenta.

Formoso explica que este sábado toca «escoller entre continuar a ser irrelevantes no Parlamento de Galicia ou colocar ao PSdeG no lugar que merece, escoller entre a resignación e a ilusión, entre o inmobilismo e a esperanza de que se pode construír unha alternativa ao goberno de Feijóo, entre quedarnos como estamos ou que sumemos para que Galicia avance».

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.