Valentín González Formoso presenta dez propostas «para sumar e avanzar» no PSdeG

O candidato á Secretaría Xeral do PSdeG, Valentín González Formoso, anunciou hoxe, mércores 20 de outubro, a presentación de dez propostas para sumar e avanzar, dez medidas que centrarán a súa campaña durante os dez días que restan ata a votación das Primarias que terá lugar o próximo 30 de outubro.
Entre estas destaca, como xa anunciara, o compromiso de que os procesos de Primarias se celebren «con tempo suficiente para que calquera compañeiro ou compañeira poida presentar as súas propostas e alternativas, facilitando a participación de calquera militante que queira mellorar o partido e Galicia». «Non volverá a haber unhas Primarias a medida do Secretario Xeral», afirma Formoso.
Valentín González Formoso destacou que «este conxunto de medidas incide na mellora da participación, a reconexión coa sociedade, o emprego e a industria como eixos prioritarios a aposta pola igualdade, a recuperación do talento e a defensa dos intereses de Galicia». Entre estas destacan a convocatoria dunha conferencia política anual para elaborar propostas estratéxicas para Galicia, que permitirá poñer o talento da militancia socialista á disposición do país e onde o emprego e a industria centrará boa parte da acción política do PSdeG.
Ademais, o candidato aposta pola elaboración dun Plan de Revitalización e Fortalecemento do PSdeG, co obxectivo de impulsar o crecemento do número de militantes nas agrupacións socialistas de Galicia, a posta en marcha dunha Coordinadora Nacional de Organización, o fortalecemento dos equipos de Apoio e Asesoramento Xurídicos e Urbanísticos e a creación de, polo menos, 10 grupos sectoriais de traballo nos que participarán militantes, simpatizantes e profesionais de diferentes sectores para elaborar propostas en distintas áreas (sanidade, educación, políticas sociais, feminismo e igualdade, innovación, infraestruturas, transición ecolóxica…).
Comprométese a elaborar unha proposta de Carta de Servizos á Cidadanía a implementar na Xunta de Galicia cando o PSdeG goberne, e que previamente se presentará no Parlamento de Galicia, e a constituír, nos primeiros seis meses de mandato, o Consello Nacional de Política Municipal, onde terán cabida alcaldesas e alcaldes así como portavoces na oposición, co obxecto de coordinar as políticas locais.
Un dos principais obxectivos de Formoso é o de conseguir que volva todo o talento de miles de mozas e mozos que tiveron que emigrar na busca de oportunidades laborais e para iso elaborará un Plan de Retorno do Talento Galego, que incluirá o fomento dun entorno de coñecemento e oportunidades para que Galicia poida aproveitalo.
Entre o resto de medidas deste decálogo para sumar e avanzar atópanse a aprobación dun Manifesto Socialdemócrata e Galeguista do Socialismo Galego, a posta en marcha dunha mesa de análise para elaborar unha proposta sobre o ‘Novo modelo de financiación autonómica’, o establecemento dunha alianza estratéxica cos sindicatos de clase ou o deseño dunha estratexia nacional de igualdade no PSdeG.