Veciñas da Calleabaixo e do Areal rexistran 117 firmas de protesta no Concello de Celanova pola deficiente iluminación nesas rúas

O BNG preguntará se a colocación de focos adicionais, que non gardan relación estética ningunha co resto de elementos da iluminación, constitúen unha solución provisional ou definitiva.

Despois do malestar veciñal provocado polo cambio na iluminación pública das rúas e pola resposta evasiva do Alcalde no último pleno ante a interpelación do BNG sobre as deficiencias no servizo, veciñas e veciños da Calleabaixo (Manuel Lezón) e do Areal elaboraron un escrito de protesta dirixido á Alcaldía e recolleron 117 sinaturas que foron rexistradas este mércores nas oficinas municipais.

As veciñas e veciños quéixanse de que se teña feito a renovación da iluminación pública «a costa de reducir a visibilidades nas nosas rúas até límites inauditos» con riscos para «a mobilidade e a seguridade das persoas».

Nun texto titulado Devólvanos a luz!, exixen «a inmediata adecuación da iluminación pública (…) ás demandas de veciñanza», e subliñan que «non hai razón ningunha para que teñamos que esperar a que o goberno local complete os trámites administrativos que teña que completar para volver a termos luz pública suficiente e eficiente», en referencia a escusa do Alcalde no último pleno, que dixo que era preciso colocar todas as luminarias para xustificar a actuación e obter a subvención da Xunta, unha actuación que arranca do anterior goberno local do PP.

O BNG de Celanova, que no pleno do mes pasado xa solicitou do Alcalde unha resposta ao malestar veciñal e medidas e prazos concretos para solucionar o problema, volverá levar a cuestión a debate para, entre outras cousas, saber se a colocación de focos adicionais -que non gardan relación estética ningunha co resto de elementos da iluminación, e que se instalaron na Calleabaixo e na Praza do Millo- constitúen unha solución provisional ou definitiva, e en que medida reducen o aforro previsto da iluminación LED co que se xustificou a renovación.

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.