Vilalba Aberta, baixo o lema “Máis que un Partido” presentou o seu proxecto cara ás Eleccións Municipais de 2023. 

Máis dun cento de persoas acudiron e á asemblea de presentación do novo proxecto político de Vilalba Aberta. Baixo o lema “Máis que un Partido”, o encontro supuxo tamén a posta de largo do que será o primeiro órgano coordinador na historia da formación.

Así, Vilalba Aberta fixo públicos diante da veciñanza os nomes dos veciños/as que darán forma á súa Coordinadora e explicou as bases estratéxicas sobre as que se asentará o seu novo proxecto de cara ás Eleccións Municipais de 2023.

UN EQUIPO COMPOSTO MAIORITARIAMENTE POR MULLERES, GRANDE PESO DA MOCIDADE E CON MÓNICA GONZÁLEZ COMO RESPONSABLE DE ORGANIZACIÓN

Estruturada en once responsabilidades, a cuxa cabeza se atopará Mónica González como nova responsable de organización; a Coordinadora de Vilalba Aberta caracterizase polo grande peso das mulleres (8 fronte a 3 homes) e a importante presenza de xente nova na súa composición.

Ademais, separa escrupulosamente as responsabilidades institucional e orgánica, consagrando a máxima de unha persoa un cargo, resultando, tal e como explican dende a formación, “unha VA moito máis eficiente á par que coral”.

«Este paso tan importante para Vilalba  Aberta  foi  moi meditado.  Fomos evolucionando,  temos  moitas ganas e  capacidade de  traballo e  iso son armas  moi importantes», indicou Mónica González, xa como responsable de organización dun órgano executivo no que tamén estará presente Modesto Renda, en tanto que voceiro municipal da formación, e na que a actual vicevoceira, Mª Xosé Fernández, terá unha responsabilidade clave na actual etapa de negociacións, como nova encargada de Relacións Institucionais.

A traballadora autónoma Tamara Rodríguez será a responsable de Emprego e Desenvolvemento Local e a funcionaria interina de xustiza, Ana Paredes, unha das últimas incorporacións de Vilalba Aberta e, durante anos, unha das cara visibles da Asociación Protectora de Animais “Os Peludiños”, será a responsable de Medio Ambiente e Benestar Animal.

Iria Currás, historiadora e activista LGTBI, estará á fronte de Igualdade; Luís Barrio, bombeiro forestal, será o responsable de Parroquias e o traballador público, Carlos Currás, encargarase de Urbanismo.

O equipo, péchano a educadora social María Pérez como responsable de Educación e Mocidade; a traballadora do Servizo de Axuda no Fogar, María Xesús Ferreiro, á fronte de política social e a pedagoga e recoñecida escritora vilalbesa, María Xosé Lamas, como responsable de Cultura e Lingua.

PROTAGONISMO VECIÑAL, TRANSVERSALIDADE E CLARA VOCACIÓN DE GOBERNO

Na súa intervención, Modesto Renda, debullou os obxectivos que fundamentan a reorganización interna coa que, explicou, Vilalba Aberta pretende “pór as bases para a construción dun partido-movemento que lle dispute a alcaldía ao bipartidismo”.

Moi crítico coa xestión realizada polos gobernos do PP e do PSOE, nos dous últimos mandatos, lembrou que o novo proxecto de Vilalba  Aberta se asentará ao redor de tres eixos: «O protagonismo da xente, a  transversalidade e  unha clara vocación de  goberno, con  traballo, eficiencia, rigor e iniciativa».

Así, fixo fincapé na vontade de facer de Vilalba Aberta unha organización «cada vez máis transversal”, reforzando o contacto co asociacionismo veciñal, empresarial e cultural. “Queremos sumar cada vez a máis xente, co fin de unir á veciñanza en torno a ideas de sentido común”, apuntou.

UNIDADE E PORTAS ABERTAS A TODAS AQUELAS PERSOAS QUE POÑAN POR DIANTE OS INTERESES DE VILALBA 

Na asemblea de presentación, confirmouse tamén que Vilalba Aberta concorrerá ás eleccións municipais co seu propio partido instrumental e unicamente coa marca “VA”, descartando formar parte de ningún “paraugas instrumental” con outras candidaturas ao longo do País. Con todo, Modesto Renda fixo un chamamento á unidade, remarcando que “as portas están abertas e a nosa man está tendida a todas aquelas persoas que antepoñan os intereses do noso Concello por enriba de calquera outro”.

BALANCE MOI POSITIVO DA EXPERIENCIA “MICRO ABERTO” Á VECIÑANZA, ASÍ COMO DA FESTA ORGANIZADA PARA O DESFRUTE DOS ASISTENTES 

Para presentar o seu proxecto, a formación municipalista deseñou unha grande asemblea de micro aberto a “todas as persoas que desexaran participar”.  “Queriamos dar inicio a esta nova etapa predicando co exemplo. Puxemos en valor a necesidade de darlle voz aos vilalbeses/as e a experiencia revelou que non nos equivocabamos.”, apuntou Modesto Renda.

O acto, rematou cunha festa na propia carpa habilitada na Praza da Constitución, amenizada polos irmáns Fanego, vilalbeses e integrantes do “Dúo Estrellas”.

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.