A Deputación activa a campaña «DE FRONTE» e apela ao compromiso individual e colectivo para loitar contra a violencia machista

 A área de Igualdade da Deputación da Coruña, que xestiona a deputada María Muíño, volve activar a campaña «DE FRONTE á violencia de xénero» co obxectivo de apelar ao compromiso individual e colectivo para loitar contra a violencia machista. Trátase da campaña que organiza o entre provincial con motivo do 25N, o Día Internacional da Eliminación da Violencia contra as Mulleres, e que contempla un  programa de actividades que apela directamente á implicación social, de maneira especial aos concellos e tamén ás distintas entidades sociais que traballan no territorio.

«DE FRONTE á violencia machista’ non é un lema, é un plan de traballo e de acción política» asegura a deputada de Igualdade, María Muíño, ao tempo que lembra que «desde a Deputación levamos xa moitos anos construíndo rede cos concellos, co tecido asociativo e coa cidadanía para planificar e desenvolver accións que afonden nas causas e solucións a esta grave problemática da nosa sociedade».

En relación á campaña específica que se desenvolverá ao longo do mes de novembro, María Muíño indica que «o obxectivo é concienciarnos da necesidade de non mirar para outro lado, non agochar a mirada, que sexamos conscientes de que non podemos ficar impasibles diante da violencia machista, que todas e todos temos que mirala de fronte e enfrontala, non admitindo discursos que a negan, procurando solucións, aportando recursos persoais e económicos, formando en igualdade, ou eliminando atrancos burocráticos ás mulleres vítimas e as súas fillas e fillos».

Así, desde o vindeiro xoves día 4 e ata o xoves 25 de novembro, a área de Igualde da Deputación da Coruña, porá a disposición da cidadanía unha serie de actividades e recursos cos que seguir levando aos espazos de traballo, educativos ou mesmo familiares a necesidade de sensibilizar fronte á desigualdade e á violencia de xénero.

María Muiño

Programa de actividades

Palestras

Xoves 4 de novembro de 19h a 20h.  Centro Arteixo Innovación.

«Violencia vicaria, o papel das/os menores na violencia de xénero eactualizacións normativas para protección da infancia». Victoria Rey Mariño, psicóloga experta en xénero e Cristina Martínez Fernández, avogada experta en violencia de xénero, abordarán a violencia vicaria como unha manifestación máis da violencia machista. Explicarán cuestións tan necesarias como identificar como se manifesta, como abordala, como se regula a violencia vicaria no sistema legal, como protexer ás vítimas a través do sistema xudicial e os recursos existentes para facelo.

Xoves 11 de novembro de 19h a 20h. Auditorio Municipal de Rianxo.

«Violencias de xénero en mulleres maiores». Elena Molanes Piñeiro, directora do Centro de Emerxencia para Mulleres Vítimas de Violencia de Xénero e Lara Fuentes Enjamio, técnica de FADEMUR-GALICIA serán as encargadas de expoñer como as mulleres maiores experimentan a discriminación de xénero en maior medida que as mulleres novas, e a discriminación por idade máis que os homes maiores; e como esta dobre discriminación está na base da invisibilidade da violencia de xénero.

Xoves 18 de novembro de 18h a 19h. Auditorio Municipal de Muxía

«A importancia do traballo en rede na loita contra a violencia de xénero a nivel local». Gloria Porto, traballadora social do Hospital Público de Cee, Raquel Mato, médica de Atención Primaria do C. S. Pontedeume e Isabel Muñoz, directora do CIM de Muxía abordarán a importancia da coordinación de servizos e profesionais de distintos recursos para mellorar o sistema de atención integral á vítimas de violencia de xénero, ao tempo que amosarán en primeira persoa a práctica do traballo en rede no ámbito local.

Visual Tinking. Actividade xuvenil sobre tratamento e prevención da violencia de xénero, a partires de 3 microvídeos onde se abordan conceptos básicos arredor da violencia de xénero de xeito didáctico a través de gráficos con animación para traballar nas aulas.

Vídeo 1. Que é a violencia de xénero? Definición , principais violencias machistas na mocidade con exemplos para identificalas e as consecuencias das mesmas nas mulleres.

Vídeo 2. Dereitos, obrigas e recursos. Efectos da violencia de xénero cara os dereitos das mulleres, as consecuencias de exercela, así como os recursos necesarios para facerlle fronte desde diferentes posicións 

Vídeo 3. Afrontamento e prevención. Cales son as bases que sustentan as violencias machistas e as claves sobre as actitudes e comportamentos que podemos adoptar para atallalas dende a raíz.

Recursos dispoñibles na web defronte.gal a partir do 15 de novembro

 Scape Room. Actividade para seguir traballando co contido do visual thinking de xeito colaborativo. O xogo formúlase para que poidan participar varios grupos ao mesmo tempo e no mesmo espazo. Tanto o material como as normas do xogo responden a criterios de accesibilidade, igualdade, cooperación e sensibilidade cara a violencia de xénero.

Os grupos deben que resolver un enigma arredor dunha situación de violencia machista a través de diferentes pistas espalladas polo espazo onde haberá que aplicar a lóxica, a rapidez e a traballo en equipo. Para a resolución do enigma contarase coa información recollida nos visual thinking, de xeito que se reforcen as ideas máis importantes e se tome consciencia de que a solución, dado que é unha problemática social, debe ser abordada por todas e por todos.

Recurso dispoñible na web defronte.gal a partir do 15 de novembro

‘Martiña soñadora’. Espectáculo musical para público infantil dispoñible na web defronte.gal entre os días 22 e 29 de novembro. Sabela King á voz e ao ukelele e Carlos Gil ao piano interpretan composicións de produción propia que achegan á rapazada ritmos brasileiros, blues ou rock&roll ao tempo que nos falan de relacións afectivas sas, de igualdade ou da importancia de rachar cos estereotipos sexistas desde a expresión musical.

Lectura textos poéticos. Acto colectivo de lectura de textos poéticos relacionados coa temática, o día 25 de novembro ás 12.00 h no exterior da Biblioteca Provincial da Coruña a cargo das poetas Charo Lópes, Nuria Vil e Lucía Aldao. Os textos serán compartidos previamente cos concellos adheridos á campaña para que, de xeito voluntario, poidan facer unha lectura simultánea nas súas rúas

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada.

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.