A Deputación da Coruña destina 450.000 € para bolsas de investigación e perfeccionamento de estudos artísticos

Nas bolsas de investigación concedéronse 20 bolsas para financiar, entre outros, proxectos sobre as nanopartículas polimétricas, a emigración galega no Reino Unido ou as mulleres internas no hospital de Conxo entre o 1900 e o 1936

A Deputación da Coruña vén de conceder definitivamente un total de 45 bolsas de investigación e perfeccionamento de estudos artísticos para o ano 2021 ás que destinou un orzamento de 450.000 euros.

A deputada responsable da área de Educación, Sandra González, fixo fincapé no incremento do número de bolsas nesta convocatoria, que pasan de 40 a 45, e da contía que se recibe en cada unha destas, aumentando desde os 8.000 euros ata os 10.000 euros.

No caso das bolsas de investigación, cun presuposto que este ano aumentou ata os 200.000 euros, apóianse un total de 20 proxectos, cunha duración mínima de 9 meses, nas seguintes áreas: 2 en estudos de xénero, 5 en artes e humanidades, 5 en ciencias sociais e xurídicas, 4 en ciencias, e 4 en ciencias da sáude. Entre os proxectos beneficiarios destas axudas atópanse estudos sobre as nanopartículas polimétricas, a emigración galega no Reino Unido ou as mulleres internas no hospital de Conxo entre os anos 1900 e 1936.

En canto ás bolsas de perfeccionamento de estudos artísticos, cun orzamento que tamén se incrementa para chegar a 250.000 euros, cada un dos 25 beneficiarios/as recibe unha axuda de 10.000 euros para completar a súa formación en centros de fóra de Galicia nos seguintes ámbitos: 5 en ilustración, artes plásticas e visuais; 3 en danza e artes do movemento; 12 en música, 2 en audiovisuais, e 3 en teatro e interpretación escénica. Estas bolsas servirán para financiar, por exemplo, un máster en deseño de moda no Central Saints Martins de Londres, o máster en Documental de Creación na Univiersitat Pompeu Fabra ou o de Dirección Escénica na Escola de Artes Escénicas de Madrid.

Sandra González deulle os parabéns aos destinatarios das bolsas aos que lles lembrou que “son as mesmas ás que optaron no seu día nomes ilustres do arte coruñés coma Antonio Lago Rivera, Modesto Brocos, Eugenio Granell ou mesmo Isaac Díaz Pardo, que a  Deputación ten a honra de ter entre os seus bolseiros”.

“Supoñen unha oportunidade e un apoio importante para, por unha banda, aproveitar o talento investigador dos nosos mozos e permitirlles desenvolver aquí os seus proxectos e, pola outra, para que moitos artistas da provincia completen a súa formación no estranxeiro”, destacou.

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada.

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.