A escultora Soledad Penalta pecha o ciclo «As mulleres cen anos despois de Emilia Pardo Bazán»

A escultora Soledad Penalta será o vindeiro xoves, 2 de decembro (18:00 horas), a última convidada do ciclo As mulleres cen anos despois de Emilia Pardo Bazán. Conversas na Casa-Museo. O programa é unha iniciativa coorganizada polo Concello da Coruña en colaboración coa Real Academia Galega, a través da Casa-Museo Emilia Pardo Bazán, co gallo do centenario do pasamento da escritora. A creadora falará no que foi o fogar a autora homenaxeada (rúa Tabernas, 11 – A Coruña) sobre o apoderamento das mulleres no mundo da arte e como inflúe a ollada de xénero para facer visibles os estereotipos de xénero neste eido. Baixo o título Modelando Soños, unha vida entre o lume o aceiro, Soledad Penalta fará tamén un repaso pola súa traxectoria vital nunha conversa coa xornalista Noela Bao.

Soledad Penalta exerce como escultora dende 1972 e fixo a súa primeira exposición no ano 1981. Estudou na escola de oficios artísticos da Coruña, completou a súa formación en Barcelona e Italia e traballou no Studio Arts de Los Ángeles. Entre as súas obras públicas destacan «Los Guardianes», do parque escultórico da Torre de Hércules ou a situada na praia de Ladeira, en Baiona.

A conversa entre Soledad Penalta e Noela Bao desenvolverase no salón de actos da Real Academia Galega. A entrada é libre ata completar a capacidade da sala. O acto, que se emitirá en directo dende a canle de Youtube de Cultura da Coruña, poralle o ramo a un ciclo polo que pasaron dende o mes de marzo a alcaldesa da Coruña, Inés Rey; a académica Marilar Aleixandre, directora da revista La Tribuna: Cadernos de Estudos da Casa-Museo Emilia Pardo Bazán; a gaiteira Susana Seivane; a vicevaledora do Pobo, María Xosé Porteiro; a delegada especial en Galicia da Axencia Tributaria, Imelda Capote; a xornalista Rosa Martínez; e a médica Lorena Bembibre.

 

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada.

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.